O cambio climático podería triplicar as mortes por calor en Europa nos próximos anos

Nos últimos anos, Europa experimentou algúns dos seus veráns máis calorosos, que coincidiron con elevadas taxas de mortalidade. As persoas maiores corren un maior risco de morte por temperaturas extremas, e prevese que o número de persoas que chegan á vellez aumente co tempo.
Unha crianza xoga con auga en Ourense durante unha vaga de calor. (foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera Unha crianza xoga con auga en Ourense durante unha vaga de calor. (foto: Rosa Veiga / Europa Press)

As mortes por calor poderían triplicarse en Europa de aquí a 2100 coas políticas climáticas actuais, sobre todo entre os e as habitantes das zonas meridionais do continente, segundo un estudo publicado na revista The Lancet Public Health.

As conclusións do estudo elaborado polo Centro Común de Investigación da Comisión Europea poñen de relevo a necesidade de reforzar as políticas para limitar o quecemento global e protexer así as rexións e as persoas máis vulnerábeis dos efectos do aumento das temperaturas.

Nos últimos anos, Europa experimentou algúns dos seus veráns máis calorosos, que coincidiron con elevadas taxas de mortalidade. As persoas maiores corren un maior risco de morte por temperaturas extremas, e prevese que o número de persoas que chegan á vellez aumente co tempo.

A maioría dos estudos anteriores sobre as mortes por temperaturas cálidas e frías en Europa apenas contiñan detalles a nivel local ou eran avaliacións en profundidade de Estados concretos, sobre todo de Europa Occidental. Este estudo é a primeira análise en profundidade dos riscos sanitarios actuais e futuros das temperaturas cálidas e frías en toda Europa que analiza o impacto previsto no territorio continental.

Máis mortes por frío e por calor

En conxunto, cun quecemento global de 3 graos (unha estimación máxima baseada nas políticas climáticas actuais) o número de mortes relacionadas coa calor en Europa podería aumentar de 43.729 a 128.809 a finais de século. No mesmo escenario, as mortes atribuídas ao frío -actualmente moi superiores ás causadas pola calor- seguirían sendo elevadas, cun lixeiro descenso de 363.809 a 333.703 para 2100.

"A nosa análise revela que a proporción de mortes por frío e calor cambiará drasticamente ao longo deste século, cun aumento das atribuídas á calor en todas as partes de Europa e unha repunta nalgunhas zonas. Ao mesmo tempo, as mortes relacionadas co frío diminuirán lixeiramente en xeral. O noso estudo analiza máis de 1.000 rexións de 30 Estados, o que permite identificar os puntos quentes onde a poboación se verá máis afectada no futuro", sinalou o doutor Juan Carlos Ciscar, do Centro Común de Investigación da Comisión Europea.

Os autores e as autoras do novo estudo utilizaron datos sobre 1.368 rexións de 30 Estados europeos para modelar as disparidades actuais nas mortes por frío e calor e estimar como poderían cambiar os riscos de aquí a 2100. O conxunto de datos -xerado mediante a análise das características epidemiolóxicas e socioeconómicas de 854 cidades europeas de máis de 50.000 habitantes- utilizouse para modelar o risco de mortalidade para distintos grupos de idade (de 20 a máis de 85 anos).

Realizáronse estimacións das mortes actuais e futuras relacionadas coa temperatura para catro niveis de quecemento global (1,5 °C, 2 °C, 3 °C e 4 °C) utilizando unha combinación de 11 modelos climáticos diferentes. O estudo calcula que as temperaturas cálidas e frías provocan actualmente 407.538 mortes ao ano en toda Europa, das cales 363.809 están relacionadas co frío e 43.729 coa calor.

As mortes por frío son máis elevadas en Europa Oriental e os Estados bálticos e máis baixas en Europa Central e partes do Sur, con taxas que oscilan entre 25 e 300 mortes por cada 100.000 habitantes. Pola súa parte, as mortes relacionadas coa calor oscilan entre 0,6 e 47 mortes por cada 100.000 persoas, coas taxas máis baixas no Reino Unido e os Estados escandinavos e as máis altas en Croacia e as zonas máis meridionais do continente.

Cun quecemento de 3 °C, prevese que as mortes relacionadas coa temperatura aumenten un 13,5%, o que provocará 55.000 mortes máis cada ano, impulsadas por un aumento das mortes por calor. A maioría das mortes produciranse entre persoas maiores de 85 anos.

Na actualidade, en Europa morren oito veces máis persoas por frío que por calor (relación 8,3:1), mais prevese que esta proporción diminúa moito a finais de século. Cun quecemento global de 3 °C, calcúlase que se reducirá a 2,6:1 en 2100. En cambio, nun escenario baseado no obxectivo do Acordo de París dun quecemento de 1,5 °C, a proporción reduciríase a 6,7:1.

Triplicaranse as mortes por calor

Para 2100, prevese que as mortes relacionadas co frío, nun escenario de quecemento de 3 °C, rexistren diminucións insignificantes de media en toda Europa e oscilen entre 29 e 225 mortes por cada 100.000 habitantes en todos os Estados europeos. Prevense reducións moderadas das mortes relacionadas co frío en Europa do Leste e lixeiros descensos en partes de Alemaña, Francia, Italia e Portugal; con todo, estímase que as mortes relacionadas co frío aumentarán en Irlanda (onde case se duplicarán), Noruega e Suecia, Estados todos eles nos que se prevé un grande aumento de cidadáns e cidadás de 85 anos ou máis.

Estímase que as mortes relacionadas coa calor aumentarán en todas as rexións de Europa baixo un quecemento de 3 °C, cun forte aumento das taxas de mortalidade, triplicando a taxa media en toda Europa até situarse entre 2 e 117 mortes por cada 100.000 habitantes en todos os Estados europeos. O español, o italiano, o grego e algunhas zonas dos francés serán os Estados máis afectados polo quecemento e o envellecemento da poboación.

"Constatamos que as mortes en Europa por temperaturas cálidas e frías aumentarán substancialmente, xa que espera que se produzan moitas máis mortes relacionadas coa calor a medida que o clima se quenta e a poboación envellece, mentres que as mortes por frío diminúen só lixeiramente en comparación. O noso estudo tamén identifica puntos críticos nos que o risco de morte por altas temperaturas aumentará drasticamente na próxima década. Existe unha necesidade crítica de desenvolver políticas máis específicas para protexer estas zonas e os membros da sociedade máis expostos ao risco de temperaturas extremas", detallou David García León, tamén do Centro Común de Investigación da Comisión Europea.

Os autores e as autoras recoñecen algunhas limitacións da investigación. Os seus resultados baséanse en datos de habitantes de zonas urbanas (que adoitan sufrir máis tensión térmica, sobre todo calor, que os de zonas rurais), o que significa que as estimacións poden ser lixeiramente exaxeradas. Os resultados tampouco teñen en conta o sexo, a etnia ou os efectos sobre os lactantes (outro grupo vulnerábel).

Comentarios