Óscar Puente pide "paciencia" ante as incidencias rexistradas nos trens

Óscar Puente, ministro español de Transportes, recoñeceu esta sexta feira que a rede ferroviaria do Estado está a vivir un verán "complexo", en relación ás reiteradas incidencias e os continuos atrasos que se rexistran especialmente nos trens Avril. Ante isto, o ministro pediu "paciencia" ás viaxeiras e aos viaxeiros. 
O ministro de Transportes e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente, onte, no Senado. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera O ministro de Transportes e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente, onte, no Senado. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

O Ministro de Transportes e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente, compareceu esta sexta feira no Senado a petición do PP para explicar as incidencias na rede ferroviaria, así como os resultados da auditoría encargada a raíz do 'caso Koldo'. A intervención de Puente respondeu a tres puntos principais, sendo o primeiro deles o relacionado coas incidencias na rede ferroviaria, que o PP sinala como "reiterados atrasos e múltiples incidencias" e que na Galiza implican que con moita frecuencia as pasaxeiras teñan que ser trasladas por estrada.

Precisamente, na quinta feira, un Avril rexistrou unha avaría técnica no cambiador de ancho de Taboadela (comarca de Ourense), que obrigou a transbordar as 500 viaxeiras que levaba a bordo e cortou a circulación entre a Galiza e Madrid durante varias horas, ao ser un tramo de vía única.

Así, o ministro recoñeceu que case 80% dos trens Avril rexistraron atrasos durante o mes de agosto, unha porcentaxe que contrasta, sinalou, co resto do material, que "só chega a 25%". A este respecto, aínda que pediu "paciencia" ante as incidencias, puxo o foco nas obras que se están levando a cabo nas infraestruturas e en Talgo, fabricante da serie 106 (Avril), fronte a quen, avanzou, o Ministerio interporá unha nova reclamación. Esta será a segunda logo da presentada contra a compañía polo atraso na entrega das unidades. 

Óscar Puente admitiu un contexto "complexo" este verán debido, entre outros motivos, ás obras que vive a rede ferroviaria, a falta de material rodante e "a falta de investimentos por parte de Gobernos anteriores". Por isto, pediu desculpas ás persoas usuarias. 

Plan de incidencias e de transporte alternativo

Con respecto ao 'caso Koldo', o ministro anunciou o cese do subsecretario de Estado, Jesús Manuel Gómez, e do xefe de persoal de Adif, Michaux Miranda, pola súa condición de investigados. "Tendo en conta a situación procesual na que se atopan, agardo que o entendan", indicou Puente.

As explicacións do titular de Transportes non convenceron o PP e o portavoz da formación, Borja Sémper, pediu a Pedro Sánchez o nomeamento dun novo ministro, pois "Puente dedícase a estar en X" mentres o transporte ferroviario "non funciona". Aínda que coincidiu co ministro en que a deterioración da rede de ferrocarrís "non vén de hoxe", Sémper denunciou que se "agudizou" pola "incapacidade de xestión do Goberno" de Sánchez.

Mostrouse tamén crítica a senadora do BNG, Carme da Silva, que demandou a Puente a habilitación dun Plan de incidencias e de transporte alternativo "para evitar que as usuarias e os usuarios do tren padezan horas de agarda en vías, en tres abarrotados ou en estacións, como está a acontecer este mes de agosto cos atrasos nos servizos Vigo-Madrid ou Madrid-Ferrol". "Se prevé que os problemas na rede van continuar, queremos solucións e medidas para rebaixar as consecuencias", dixo Da Silva.

Comentarios