Análise

Un verán olímpico

Carmela Sánchez Carreira  é profesora de Economía Aplicada na USC.
A padexeira pontevedresa Antía Jácome, este sábado, na zona mixta de Vaires-sur-Marne após obter o seu segundo diploma nestes Xogos. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)
photo_camera A padexeira pontevedresa Antía Jácome na zona mixta de Vaires-sur-Marne após obter o seu segundo diploma nos Xogos de París. (Foto: Yuri Carrazoni Mier).

Entre os acontecementos do verán destacan os Xogos Olímpicos de París 2024. Ademais do espectáculo deportivo, un evento desta natureza e dimensión incide en varios eidos, dende o económico ao ambiental, pasando polo urbanístico, o social, o cultural ou o xeopolítico.

Durante 19 días competiron 10.500 atletas pertencentes a 206 delegacións en 46 disciplinas. Proximamente, celebraranse os Xogos Paralímpicos, que en 11 días acollerán a 4.400 atletas de 22 disciplinas e 182 países.

Mais esas cifras globais esconden realidades diversas. O número de representantes das delegacións varía moito. A maior delegación é a dos Estados Unidos (653 deportistas), seguida da de Francia (622). En cambio, 20 países teñen menos de tres representantes, dos que catro só contan cun deportista. Esa heteroxeneidade non depende exclusivamente da súa poboación, senón que inflúen diversos factores, como o nivel de desenvolvemento, aspectos socioculturais como a importancia do deporte en xeral ou de certas disciplinas, o investimento público dedicado ao deporte ou o apoio ao longo da carreira (incluíndo a saúde mental). Tamén hai que considerar as disciplinas incluídas e os seus criterios para a necesaria clasificación previa, sexa individual ou como país. A distribución das medallas reflicte unha maior concentración: 85 delegacións alcanzan as preto de 850 medallas repartidas, mentres 65 nunca obtiveron unha.

España achegou 382 atletas e logrou 18 medallas, e Galiza, representada con 26 atletas, aos que se engaden seis con licenza galega ou considerados de alto nivel pola Xunta, conseguiu cinco bronces e 11 diplomas. Ademais, en cada país obsérvase a concentración territorial dos deportistas: en España predominan claramente Cataluña e Madrid, e na Galiza, Cangas.
Alén do dominio de Estados Unidos, en clara competencia con China, destaca o desempeño de países relativamente pequenos como Países Baixos, Nova Zelandia ou Hungría. Ao valorar os resultados, hai que considerar os recursos empregados e mesmo a difusa fronteira entre éxito e fracaso (unhas milésimas poden separar da medalla).

Impacto ambiental

Malia que se acada o fito da paridade nos atletas, mantéñense notables diferenzas de xénero (en remuneracións, dereitos). As desigualdades tamén se perciben segundo a disciplina. Unha simple ollada aos participantes nalgunhas disciplinas, como vela (sirva de exemplo o medallista Botín) ou hípica (en xinetes e propietarios de cabalos), amosa que non hai igualdade de oportunidades, pois alén do esforzo individual, os elevados custos actúan como barreiras de entrada. Os altos prezos das entradas, transportes ou aloxamento condicionan o perfil do público asistente. Outro tema de interese refírese a quen patrocinan o evento.

A rendibilidade é un dos aspectos máis controvertidos destes megaeventos. O orzamento previsto (4.400 millóns de euros) aumentou ata achegarse aos 10.000. Aínda que se require tempo para unha valoración completa do impacto, os beneficios non tenden a compensar os custos. Os empregos xerados (aproximadamente 180.000) son temporais e concéntranse nas actividades organizativas, de seguridade, de turismo (cando se debate sobre a masificación) e, en menor medida, construción (ao dispoñer da maioría das infraestruturas). Iso conduce ao cuestionamento crecente por unha poboación reticente a destinar recursos públicos a estes fins, cando son insuficientes para garantir os servizos públicos ou mesmo se albiscan recortes. E pode levar a que moi poucas cidades queiran organizar estes eventos, limitándose ás que xa os organizaron, contan con boas infraestruturas, elevado financiamento ou non cuestionen a decisión ao non ser democracias plenas. Iso explica en parte a elección de París e dos Ánxeles para a seguinte edición, pois as outras cidades candidatas para 2024 renunciaron. 

Unha ollada á vela ou á hípica amosa que non hai igualdade de oportunidades 

Outro aspecto relevante refírese á sustentabilidade. Salientan algunhas medidas que pretenden reducir o evidente impacto ambiental do evento, dende a rehabilitación, a elección dos materiais para as instalacións, o abastecemento enerxético ou o uso maioritario de produtos locais nas comidas ata a construción dun barrio ecorresponsable na área da vila olímpica, alén do sucedido no río Sena. Porén, o máis relevante sería o exemplo que suporía se se van imitando. Asemade, hai que considerar a sustentabilidade no medio e longo prazo dos investimentos, pois determinará o impacto real. 
Mágoa que non houbese unha verdadeira tregua olímpica para finalizar os conflitos bélicos.
 

Comentarios