O Goberno español xustifica que a prórroga da AP-9 fíxose a unha empresa pública, un argumento xa rexeitado por Bruxelas

A Comisión Europea xa deixou claro que non ía acoller a xustificación da 'excepción in house', chamada así por tratarse dunha operación interna no ámbito público.

Cabinas de peaxe na AP-9. (Foto: Audasa)
photo_camera Cabinas de peaxe na AP-9. (Foto: Audasa)

O Ministerio español de Transportes e Mobilidade Sostíbel remitiu xa as súas alegacións en resposta á segunda carta de emprazamento da Comisión Europea no marco do expediente de infracción pola ampliación irregular da concesión da AP-9 (ao non convocarse unha licitación pública), e esgrimiu que esta ampliación, aprobada polo Goberno popular de José María Aznar no ano 2000, executouse cando a concesionaria era unha empresa pública.

O departamento que dirixe Óscar Puente, que tiña de prazo até este sábado para responder a esa carta de emprazamento, achegou información xustificativa para defender ante Bruxelas a súa posición: evitar o rescate da autoestrada polo custo que suporía para as arcas públicas (cifrado no seu momento polo propio ministro nuns 4.000 millóns de euros, aos que habería que sumar outros 2.000 millóns no caso de que se formalizase a transferencia á Galiza, sempre segundo Puente).

Na súa resposta á Comisión Europea, o Goberno español trata de despexar dúbidas sobre esa ampliación, unha decisión que, lembra, foi tomada por un goberno do PP hai máis de 20 anos, e que levou á situación actual.

Respecto diso, expón que as súas políticas de mobilidade e reequilibrio territorial van na dirección contraria de decisións como a adoptada por ese Goberno de Aznar, mais tamén subliña que, aínda que non comparta esa decisión política, é a súa responsabilidade velar polo interese xeral, en alusión ao alto custo que suporía ter que anular a concesión, en mans dun operador privado (Audasa), co consecuente pagamento das compensacións.

Con todo, o Executivo estatal reiterou na súa carta a Bruxelas que, no momento de producirse a modificación e prórroga do prazo de concesión, a sociedade concesionaria era patrimonio do Estado, a través de Enausa (Empresa Nacional de Autoestradas).

Este argumento xa foi esgrimido polo Goberno español no seu momento, en resposta a unha primeira carta de emprazamento da Comisión Europea por este asunto, e naquel momento as autoridades europeas xa deixaron claro que non ían acoller esta xustificación -a chamada 'excepción in house', por tratarse dunha operación interna no ámbito público-, xa que había unha clara intención de privatizar a autoestrada, e o obxectivo da ampliación da concesión era aumentar o seu valor.

Tras lembrar que a concesión se ampliou en 25 anos para compensar a construción do tramo Fene-Ferrol, a liberación da peaxe para movementos internos no tramo Vigo-Teis-Puxeiros, e a consolidación da rebaixa de tarifas do 33%, o Goberno español defendeu a súa actuación no ámbito da aplicación de bonificacións para reducir o impacto das peaxes nas usuarias.

Segundo lembra o Executivo estatal, en xullo de 2021, aprobouse un novo esquema de bonificacións para a AP-9 que, incidiu, permitiu ás usuarias aforrarse máis 127 millóns de euros até final de xuño de 2024 (con respecto ao prezo derivado da prórroga da autoestrada), unha media de 3,6 millóns de euros ao mes. Ademais, abunda na súa resposta á Comisión Europea, as usuarias dos tramos Vigo-Morrazo e A Coruña-Barcala aforráronse, desde 2018 até final de 2023, uns 83 millóns de euros (sempre tendo en conta o prezo derivado da prórroga).

Igualmente, desde o 1 de xaneiro de 2023 aplicouse unha subvención para limitar a suba das tarifas en todas as autoestradas pola revisión anual do índice de prezos de consumo (IPC). No caso da AP-9, as usuarias aforráronse até xuño de 2024 uns 15 millóns de euros en peaxes (os cales existen pola concesión da autoestrada a Audasa).

En Colectivo urxe o rescate

Está por ver se esta segunda resposta do Goberno español convence ás autoridades da Unión Europea (UE), mentres, a asociación de consumidores En Colectivo, que foi a que presentou denuncia pola prórroga irregular da concesión, segue insistindo na necesidade de rescatar a autoestrada e advertiu de que ao Executivo estatal "xa non lle queda argumentación" para defender o mantemento da devandita concesión.

O presidente de En Colectivo, Diego Maraña, reiterou nos últimos días que a Comisión Europea non acepta a 'excepción in house', e que o rescate sería menos gravoso, aínda que houbese que indemnizar a Audasa, que seguir pagando peaxes até finais de 2048, data na que expira esa prórroga. A compensación, remarcou, sería moito menor que a apuntada polo Goberno español, xa que, en 56 anos, só se amortizou o 40% da autoestrada, ao destinarse maioritariamente os ingresos a beneficios. Ademais, Maraña lamentou que o Executivo estatal non cumprise o compromiso adquirido co BNG no acordo de investidura, "deixando aos galegos de últimos".

Comentarios