Robert Kennedy retira a súa candidatura en 10 estados clave para favorecer a Donald Trump

Kennedy si manterá as súas papeletas no resto de demarcacións electorais, co que está por ver cales serán os efectos da súa retirada no cómputo global electoral.
Robert Kennedy Jr. (Foto: Europa Press / Contacto / Tracy Kimball)
photo_camera Robert Kennedy Jr. (Foto: Europa Press / Contacto / Tracy Kimball)

O candidato independente Robert F. Kennedy Jr. anunciou esta sexta feira que retira a súa candidatura de dez estados clave (swing states) para non prexudicar o republicano Donald Trump. Kennedy si manterá as súas papeletas no resto de demarcacións electorais, co que está por ver cales serán os efectos da súa retirada no cómputo global electoral.

"No meu corazón, xa non creo que teña un camiño realista cara á vitoria electoral", dixo o político independente nunha rolda de prensa no estado de Arizona. "Non podo en conciencia pedir ao meu persoal e voluntarios que sigan traballando as súas longas horas ou pedir aos meus doantes que sigan dando fondos cando non podo dicirlles honestamente que teño un camiño real á Casa Branca", engadiu.

Anteriormente, Trump declarou a CNN que podería incorporar a Kennedy Jr. ao seu equipo se gaña as eleccións. "É un tipo brillante. É un tipo moi intelixente. Coñézoo desde hai moito tempo", afirmou. "Non sabía que estaba a pensar en retirarse, mais se está a pensar en saír, desde logo eu estaría aberto a iso", engadiu o expresidente.

Kennedy comezou a súa andadura presidencial en abril do ano pasado como candidato ás primarias demócratas, mais en outubro decidiu abandonar tras constatar que a formación apoiaba en masa Joe Biden, como adoita ocorrer co presidente no cargo que busca a reelección. Desde entón, estivo tratando de conseguir o apoio necesario para presentar a súa candidatura como independente nos 50 estados do país, mais atopouse con problemas legais en varios deles.

No seu momento álxido, o controvertido avogado chegou a ter o 15% da intención de voto, segundo as enquisas máis optimistas, un apoio moi elevado historicamente para un candidato independente. As últimas enquisas, xa despois da renuncia de Biden á reelección, o nomeamento de Kamala Harris como a súa sucesora e o intento de asasinato contra Trump en Butler (Pensilvania), dábanlle unha media de ao redor do 4%.

Sistema electoral desfavorábel

Nun sistema electoral que beneficia a existencia de dous grandes partidos e é desfavorábel para as candidaturas independentes, o máis probábel é que gran parte do electorado de Kennedy se decantase polas opcións republicana ou demócrata en base ao chamado voto útil.

Comentarios