México critica a inxerencia estadounidense na reforma xudicial que levará á elección popular da maxistratura

Enviada unha nota de protesta a Washington.
Claudia Sheinbaum. (Foto: Octavio Nava / Europa Press / Contacto)
photo_camera Claudia Sheinbaum. (Foto: Octavio Nava / Europa Press / Contacto)

“Unha acción inaceptábel de inxerencia” que “contravén a soberanía dos Estados Unidos Mexicanos”, así cualificou a sexta feira o presidente mexicano, o progresista Andrés Manuel López Obrador, ao ler unha nota de protesta enviada a Washington, as declaracións a véspera do embaixador estadounidense en México, Ken Salazar, que asegurou que “o debate sobre a elección directa popular de xuíces” é unha ameaza para as relacións comerciais bilaterais e “un risco para o funcionamento da democracia de México”.

En paralelo, Graeme Clark, embaixador canadense en México, remarcou que “os meus investidores están preocupados, queren estabilidade, queren un sistema xudicial que funcione se hai problemas”.

A elección da xudicatura por medio de comicios está incluída na reforma xudicial impulsada polo mandatario, e poderá ser aprobada na lexislatura que comeza o 1 de setembro grazas as maiorías que obtivo nas últimas eleccións o Movemento de Rexeneración Nacional (Morena), a formación de López Obrador.

A presidenta electa e correlixionaria do presidente, Claudia Sheinbaum, contestou Salazar explicando que “en 43 dos 50 Estados dos Estados Unidos de América se elixen os xuíces por voto popular”.

López Obrador apuntou que “ultimamente houbo faltas de respecto a nosa soberanía” por parte de Washington e relatou que na nota de protesta debúllase que “o obxectivo da reforma constitucional é fortalecer o Estado de dereito”, incidindo en que o país xa non transixe coa inxerencia estadounidense como na época na que “impoñía a axenda económica” e en que non “aceptamos que ningún representante de Gobernos estranxeiros interveña en asuntos que só nos corresponde resolver e dirimir aos mexicanos”.

Despois de que Salazar sinalara que a reforma facilitaría que o narcotráfico “e outros actores malignos se aproveiten de xuíces inexpertos con motivacións políticas”, o presidente mexicano retrucou que o Poder Xudicial “está tomado por unha minoría” que protexe as bandas criminais.

Esta semana comezou unha folga do persoal da Xustiza en protesta pola reforma, aseverando que afecta a autonomía do Poder Xudicial.

Se o proxecto é aprobado nos termos actuais en 2025 habería un proceso electoral para elixir as e os integrantes do Supremo Tribunal de Xustiza, a metade da maxistratura e as vacantes na xudicatura, arredor de 800 cargos en total segundo as estimacións de Morena.

Comentarios