Gales, Escocia, Irlanda e Inglaterra: estas son as 14 datas da volta de Oasis

A banda presentarase por primeira vez en 15 anos en Cardiff (Gales) o 4 de xullo de 2025, terminando en Dublín (Irlanda) o 17 de agosto. Entrementres, tamén ofrecerán concertos en Manchester (a cidade inglesa na que naceu a banda), Londres (Inglaterra) e Edimburgo (Escocia).
Liam e Noel Gallagher. (Foto: Oasis)
photo_camera Liam e Noel Gallagher. (Foto: Oasis)

Os irmáns Liam e Noel Gallagher confirmaron esta terza feira o regreso da lendaria banda Oasis con 14 datas en Gales, Escocia, Irlanda e Inglaterra para o próximo verán do ano 2025. "As estrelas aliñáronse. A grande espera terminou", foi a mensaxe coa que o grupo anunciou a súa nova xira.

A banda presentarase por primeira vez en 15 anos en Cardiff (Gales) o 4 de xullo de 2025, terminando en Dublín (Irlanda) o 17 de agosto. Entrementres, tamén ofrecerán concertos en Manchester (a cidade inglesa na que naceu a banda), Londres (Inglaterra) e Edimburgo (Escocia). Aínda que o resto da banda aínda non se confirmou, crese que Gem Archer, ex guitarrista do grupo, tamén vai participar.

As entradas estarán dispoñíbeis para a súa compra desde este sábado 31 de agosto a primeira hora da mañá, mais ninguén sabe canto poden tardar en acabarse tras a expectación mundial que xerou a volta de Oasis, abrindo cabeceiras no Reino Unido e con informacións xornalísticas en todo o mundo.

Ademais, segundo anuncia a propia banda na súa páxina web, espérase que tras estes 14 concertos Oasis dea inicio a unha xira mundial por outros continentes. Os rumores sobre a xira comezaron o pasado domingo, cando o diario británico The Times asegurou que unha fonte próxima ao grupo confirmou que volverían o próximo verán.

A ruptura en 2009

Agosto do ano 2009, París, Noel Gallagher anunciaba a súa saída de Oasis despois dun altercado nos camerinos co seu irmán Liam Gallagher antes do concerto. Oasis deixaba de existir e o resto dos seus membros, liderados por Liam, decidiron continuar traballando xuntos baixo o nome Beady Eye.

Pasaron exactamente 15 anos daquel momento e durante este período os e as milleiras de fans da banda máis 'canalla' do britrock nunca deixaron de soñar cunha volta de Oasis. Pois ben, ese momento chegou finalmente esta terza feira, segundo anunciaron os propios irmáns Gallagher.

Oasis é considerado un dos grupos máis destacados da historia do Reino Unido e da música rock, sendo considerado o máximo expoñente do movemento britrock (co permiso de Blur, a banda coa que sempre rivalizaron) e tamén un dos grupos máis senlleiros da música a nivel mundial da última década dos século XX.

Definitivamente, talvez... é a tradución dun dos traballos máis importantes dos asinados por Oasis, 'Definitely Maybe', e é tamén un xogo de palabras que é utilizado pola prensa británica cada vez que toca escribir sobre unha posíbel reunión da banda para volver tocar xunta. Desta vez, foi definitivamente certo.

Máis en CULTURA
Comentarios