A obra de Francesc Torres estará presente na Bienal de Pontevedra

Torres inaugurou a mostra Crebas no Centro Galego de Arte Contemporánea, unha selección de pezas datadas entre 1976 e 2019, que sintetizaban a esencia da súa obra.
O artista visual Francesc Torres. (Foto: CGAC)
photo_camera O artista visual Francesc Torres. (Foto: CGAC)

A XXXIII Bienal de Arte de Pontevedra, que regresa despois de 35 anos á Boa Vila -entre o 15 de xuño e 30 de setembro de 2025- atraerá artistas destacados como Francesc Torres, promovendo o intercambio cultural con propostas artísticas innovadoras, ofrecendo un espazo para a experimentación e a creatividade, e integrando á cidade no evento, fomentando a participación e o desfrute da arte.

Francesc Torres (Barcelona, 1948) é amplamente recoñecido como un dos referentes históricos da instalación multimedia, membro da primeira xeración de instaladores xurdida no contexto artístico norteamericano na primeira metade dos anos setenta. A súa experiencia vital e artística levouno vivir a medio camiño entre Barcelona e Nova York, e nos últimos vinte anos estableceu un forte vínculo coa Galiza, pasando varias tempadas na Costa da Morte.

Torres analiza de forma tenaz os acontecementos máis destacados do convulso século XX e as súas repercusións na actualidade. O seu traballo tradúcese nun exercicio poético e unha abafadora reflexión crítica sobre a sociedade contemporánea, plasmados ao longo de cinco décadas de produción artística.

No ano 2020 inaugurou a mostra Crebas no Centro Galego de Arte Contemporánea, unha selección de pezas datadas entre 1976 e 2019, que sintetizaban a esencia da súa obra.

Algunhas das súas máis destacadas exposicións tiveron lugar no Whitney Museum of American Art (Nova York), o Museum of Modern Art, MoMA (Nova York), o Carnegie Institute (Pittsburgh), The Museum of Contemporary Art, (Los Angeles), a Nationalgalerie (Berlín), o Stedelijk Museum (Ámsterdam), ou Massachusetts Institute of Technology, (Cambridge, Massachusetts), ou o Museu d’Art Contemporani de Barcelona, entre outros.

Máis en CULTURA
Comentarios