Macron confirma a detención de Durov e nega que sexa por razóns políticas: por que foi arrestado o fundador de 'Telegram'?

O presidente francés, Emmanuel Macron, confirmou oficialmente a detención do fundador e director de 'Telegram', o ruso Pavel Durov, nunha causa vinculada coa defensa da liberdade en internet e do anonimato das persoas usuarias por parte de Durov. A Xustiza francesa ten que decidir en 96 horas.
Pavel Durov nunha imaxe de arquivo. (Foto: TechCrunch)
photo_camera Pavel Durov nunha imaxe de arquivo. (Foto: TechCrunch)

“Aínda non sabemos exactamente de que se acusa a [Pavel] Durov”, fundador e director xeral da rede social e de mensaxería Telegram, indicou a segunda feira o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, que engadiu que “probabelmente sería incorrecto facer calquera declaración” antes de saber “con que exactamente intentan incriminalo”.

Na noite da cuarta feira expiran as 96 horas que a lexislación francesa outorga para que os xuíces e as xuízas de instrución poñan en liberdade ou acusen formalmente persoas detidas, un prazo que, no caso de Durov, comezou a súa conta atrás após o seu arresto á última hora do sábado no aeroporto Le Bourget, localizado na periferia de París, a capital de Francia. Medios internacionais reportaron que o domingo a Xustiza prorrogou a súa detención, nunha fase do proceso centrada nos interrogatorios.

A prensa francesa indicou que a axencia local encargada de previr a violencia contra as crianzas emitiu unha orde de busca e captura contra Durov, que ademais da nacionalidade rusa ten a de Francia, Emiratos Árabes Unidos e Saint Kitts e Nevis, no Caribe, no marco dunha investigación que o acusa de “falta de moderación [na plataforma] e cooperación cos investigadores” nunha vaga de presuntos delitos a través de Telegram como estafa, lavado de diñeiro, tráfico de drogas, ciberacoso, crime organizado, apoloxía do terrorismo, fraude ou explotación sexual en liña.

“É absurdo afirmar que unha plataforma ou o seu propietario son responsábeis do abuso desa plataforma”, contestou a empresa nun comunicado, incidindo en que para case 1.000 millóns de persoas usuarias “é un medio de comunicación” e “fonte de información vital”, amais de afirmar que Durov “non ten nada que ocultar e viaxa con frecuencia por Europa”. Á vez, subliñou que “Telegram cumpre coas leis da Unión Europea (UE), incluída a Lei de servizos dixitais”, e que “a súa moderación está dentro dos estándares da industria e mellora constantemente”.

Asemade, nunha declaración á axencia AP a comezos de agosto detallou que “cada día se eliminan millóns de contidos daniños” grazas a unha moderación que utiliza “unha combinación de seguimento proactivo e informes de usuarios”.

A embaixada rusa en París reclamou a Francia que debulle “as razóns desta detención” e exixiu que se protexan os seus dereitos e se permita acceso consular, e denunciou que as autoridades francesas “seguen a negarse a cooperar”. Ao respecto, a voceira do Ministerio de Asuntos Exteriores ruso, Maria Zakharova, afirmou que París “considera que [a francesa] é a súa nacionalidade principal”.

Liberdade en internet

A carreira de Durov está marcada pola defensa da liberdade en internet e o anonimato das persoas usuarias, un aspecto que caracteriza Telegram canda a negativa a explotar comercialmente os datos persoais das usuarias e dos usuarios a diferenza das súas rivais estadounidenses, lideradas por WhatsApp, propiedade de Meta, que posúe ao tempo plataformas como Facebook ou Instagram.

Isto causoulle en primeira instancia problemas na súa Rusia natal, na que se negou a colaborar coas autoridades como director da rede social VK e entregar datos persoais, entre outros puntos de conflito, dun grupo centrado nas protestas da extrema dereita e o posterior golpe de Estado en Ucraína en 2014, instigado polos Estados Unidos e a UE.

Tras vender a súa participación e ser despedido do cargo, marchou de Rusia e centrouse no desenvolvemento de Telegram, fixando a súa residencia e a sede operativa da compañía en Dubai, nos Emiratos Árabes Unidos.

Entre 2018 e 2020 Telegram foi bloqueado en Rusia pola Xustiza logo de soster que non era tecnicamente posíbel entregar as claves para descodificar as mensaxes na plataforma, como requiría a lexislación rusa, un veto revertido despois dun pacto entre Durov e Moscova “para combater o terrorismo e o extremismo”, apuntaran as autoridades locais, que insistían na necesidade de cooperación das empresas dixitais para “deter de forma rápida a difusión de información terrorista e extremista, pornografía infantil e a promoción do suicidio e as drogas”.

Dobre vara de medir

Precisamente nunha publicación de Telegram, Zakharova lembrou que en 2018 “26 ONG, entre elas Human Rights Watch, Amnistía Internacional, Freedom House, Reporteiros Sen Fronteiras, o Comité para a Protección dos Xornalistas e outras, condenaron a decisión do tribunal ruso”. “Cre que esta vez apelarán a París e exixirán  a liberación de Durov?”, inquiriu deixando entrever unha dobre vara de medir.

O que si reaccionou foi Edward Snowden, ex oficial de Intelixencia dos Estados Unidos que denunciou a vixilancia masiva das súas axencias e que tivo que exiliarse en Rusia, quen acusou o presidente francés, Emmanuel Macron, de “rebaixarse ao nivel de tomar reféns para acceder a mensaxes privadas” e dun “ataque aos dereitos humanos básicos de liberdade de expresión e asociación”. A detención tamén foi cuestionada polo propietario de X, antes Twitter, Elon Musk.

En paralelo, Macron, na primeira confirmación oficial do seu arresto, reiterou a segunda feira que “non é en modo algún unha decisión política” e que será a Xustiza a que decida.

En 2017, a Europol, a axencia policial da UE, criticara a pouca colaboración de Telegram en relación a Facebook ou Twitter, e a Audiencia Nacional española ordenou brevemente bloqueala en marzo por unha denuncia de Mediaset, Atresmedia e Movistar+ por presuntos contidos con dereitos de autor na plataforma.

Nos Estados Unidos, os reguladores suspenderon unha iniciativa de Durov para impulsar unha criptomoeda, insistindo en que debería devolver 1.500 millóns de euros a persoas investidoras no proxecto.

A rede social máis privada para o FBI

Unha guía da Oficina Federal de Investigación estadounidense (FBI) filtrada en 2021 revelou que Telegram é a aplicación de mensaxería máis privada, e só cede algúns datos en casos de terrorismo. En cambio, en WhatsApp e iMessage o FBI pode acceder até a mensaxes en tempo real.

Neste contexto, medios occidentais criticaron o seu uso por parte de grupos de ultradereita como nos disturbios no Reino Unido. Non obstante, tamén permite acceder a información de primeira man do xenocidio en Gaza ou aos medios censurados na UE por suposta desinformación.

Comentarios