O Estado Islámico asume a autoría do ataque de Solingen (Alemaña) e o presunto atacante entrégase á policía

A Fiscalía federal asumiu a investigación dos feitos que deixaron tres persoas mortas e oito feridas de gravidade.
Forzas especiais da policía alemá durante o dispositivo de vixilancia e busca dos atacantes. (Foto Christoph Reichwein / dpa).
photo_camera Forzas especiais da policía alemá durante o dispositivo de vixilancia e busca dos atacantes. (Foto Christoph Reichwein / dpa).

O Estado Islámico reivindicou a autoría do ataque no que a pasada sexta feira en Solingen, Renania do Norte-Westfalia, oeste de Alemaña, morreron tres persoas e outras oitos quedaron feridas tras seren agredidas cun coitelo por un individuo que se deu á fuga.

O órgano de propaganda do Estado Islámico declarou á Axencia Amaq, canal informativo do grupo, que "o autor do ataque contra unha concentración de cristiáns na cidade de Solingen, en Alemaña, é un soldado do Estado Islámico".

Vinganza

Nun comunicado difundido nas súas canles da rede de mensaxería Telegram, o informante sinalou, ademais, que levou a cabo este ataque "en vinganza dos musulmáns en Palestina e en todas partes".

Este sábado, a Policía alemá detivo un mozo de 15 anos sospeitoso de ter coñecemento previo do atentado, recoñeceu en rolda de prensa o voceiro Thorsten Fleiss. Segundo aclarou, investigan o adolescente por non actuar para impedir o ataque malia saber del, mais non como presunto autor directo das agresións.

A última hora do sábado as autoridades detiveron unha segunda persoa tras se entregar á Policía. O principal sospeitoso do apuñalamento na cidade de Solingen, acudiu a unha comisaría 24 horas despois do ataque.

Trátase dun home de 26 anos, confirmaron as autoridades nun comunicado. "Foi detido de forma preliminar. A súa participación nos feitos está a ser examinada nestes momentos de forma intensiva", detallaron.

Investigación

O ministro do Interior da rexión de Renania do Norte-Westfalia, Herbert Reul, confirmou en declaracións á televisión pública que o detido é o presunto autor do ataque que se produciu na praza do mercado de Solingen.

É o home que estaban a buscar, confirmou. É "sospeitoso en grao sumo", sinalou Reul, que engadiu que se acharon probas que apuntan a que se trata do atacante e que o individuo está a ser interrogado.

Segundo fontes da investigación citadas polos medios, o detido é de nacionalidade siria e recibira un permiso de residencia por protección subsidiaria en 2022 en Alemaña, onde non chamara a atención das autoridades até o de agora.

As mesmas fontes relataron que no momento do arresto levaba a roupa aínda manchada de sangue tras permanecer escondido nun patio.

A Fiscalía federal asumiu a investigación dos feitos.

Comentarios