O Celta celebra coa afección o seu 101º aniversario goleando o Valencia

O equipo de Claudio Giráldez segue como líder provisional na clasificación de Primeira.
A conexión entre Aspas e Mingueza protagonizou a vitoria do RC Celta. (Foto: La Liga)
photo_camera A conexión entre Aspas e Mingueza protagonizou a vitoria do RC Celta. (Foto: La Liga)

Chega a segunda xornada en Primeira e Segunda División para os equipos galegos con diferentes sensacións tras os resultados do inicio da tempada. Os primeiros en xogar, Celta e Dépor, fixérono esta sexta feira mesmo mais en horarios diferentes, cos branquiazuis, aínda no campo  ao feche desta edición, que viaxaron até Aragón para enfrontarse ao Huesca e estarán de volta na Coruña este sábado ás 9.30 horas.

Os celestes, por petición propia, repetiron día da semana e hora para celebrar, desta maneira, o 101º aniversario da súa fundación. No terreo de xogo tivo diante como rival un Valencia novo con ganas de recuperar a mala imaxe que deu a semana pasada contra o Barcelona. O encontro comezou con presión dos de Giráldez e dúas oportunidades en xogadas con Swedberg de protagonista mais cando mellor xogaba o equipo galego marcou Diego López para o Valencia no minuto 14. O Celta encaixou ben o tanto e lembrando a xornada anterior ante o Alavés acosou a portaría de Mamardashvili. Foi daquela cando comezou a funcionar a  sociedade entre Aspas e Mingueza. O catalán marcou  o empate a pase do de Moaña (minuto 24) e despois foi Aspas quen marcou tras unha asistencia do de Santa Perpètua (minuto 29). Co marcador favorabel, e no minuto 45, o árbitro pitou man de Hugo Duro que non foi quen de transformar Aspas. 

Xa na segunda parte o equipo galego continuou o asedio da portería laranxa, unha actitude que tivo o seu premio no minuto 60 cun disparo de Fran Beltrán imposíbel para Mamardashvili. Coa ampliación do resultado, o Valencia contou con varias oportunidades para acurtar distancias. Minutos antes do 90 Giraldez mudou Aspas por por Durán, como premio ao seu traballo, e o partido non deu para máis certificando que o Celta continúa de líder provisional neste arranque de liga.

Cheo na Malata

En Ferrol, o Rácing esgotou todas as entradas para ver este sábado o seu partido contra o Granada (A Malata, 17 horas). A afección, malia o empate contra o Málaga no mesmo escenario hai uns días, continúa ilusionada co proxecto de Cristóbal Parralo. O adestrador está pendente da enfermaría e esta sexta feira mesmo o parte médico do club confirmou que Erick Cabaco sufría unha rotura fibrilar na perna dereita polo que estará de baixa entre dous e tres meses, segundo a súa evolución. Nacho Sánchez, pola contra, recibiu a alta hospitalaria mais non estará no campo. Por último, tampouco poderá contar con David Castro, que continúa de baixa. Esta sexta feira, en rolda de prensa, Parralo afirmou que desconfía do equipo andaluz  ao consideralo "un dos claros favoritos a ascender" cun vestiario "excepcional".

Primeira Federación

A novidade futbolística desta fin de semana é o inicio da competición na Primeira Federación, unha categoría na que continúan o Celta Fortuna, o Lugo e o Arenteiro, sumándose agora tamén o Ourense CF. 

Este último estrearase este sábado en Tarragona (Catalunya) diante do Gimnàntic (Nou Estadi, 20 horas). Non será un encontro fácil para os galegos ante un rival que a tempada pasada loitou até ultimo momento por subir de categoría. Os de Rubén Domínguez tiveron esta sexta feira o seu último adestramento previo en Oira, antes do desprazamento. Contará coa maior parte do cadro que conseguiu o ascenso a tempada pasada, sumando Raúl Prada, Fran Carmona, Carbonell, Moi Rodríguez, Fullana e Ángel Sánchez. 

Outro equipo galego desta categoría que xogará este sábado é o Lugo, que se medirá ante a Cultural Leonesa (Reino de León, 20 horas). Os branquivermellos estarán arroupados por 150 seareiras e seareiros que conseguiron con antelación entrada para este encontro. Na rolda de prensa previa ao partido, o adestrador do cadro lucense, Lolo Escobar, asegurou esta sexta feira que chegan “preparados e con frescura mental”, con todos os homes dispoñíbeis agás Bernardo. “Seremos competitivos se mantemos a nosa portaría a cero”, admitiu, “e agardo unha loita polo balón para ter menos desgaste físico”, agregou o estremeño.   

Xa o domingo será o momento do Celta Fortuna que se medirá co Barakaldo (Balaídos, 18 horas). Fredi Álvarez repite como adestrador nun equipo novo que tivo que manterse cos cambios introducidos por Giráldez durante a tempada pasada. Por este motivo chegaron seis fichaxes e subiron outros cinco xuvenís de cara ao inicio da competición. De fóra aterraron en Vigo Johan Guedes, Jordi Escobar, Emi Rodríguez, Iván Garriel, Sergio Díez e  Marc Vidal. Por parte das promesas, subiron ao filial Óscar Marcos, Hugo Burcio, Antañón, Gavián e Ángel Arcos. O primeiro obxectivo dos celestes, recoñece Álvarez, é manterse na categoría e aproveitar as oportunidades para medrar, como aconteceu a tempada pasada. 

Fechará a participación galega en Primeira Federación o Arenteiro, que viaxará para xogar este domingo contra o Tarazona (Campo Municipal, 20 horas). O equipo do Carballiño estrea banco coa incorporación de Raúl Jardiel, que non contará coa mesma escuadra que a tempada pasada. Dos habituais fican Diego García, Jordan Sánchez e Javi Moreno, que se sumarán ás incorporacións de David Ferreiro, Nacho Ramón, Mángel, Martín Solar, Joao Días e Iván Muñoz.

Comentarios