Fútbol

A PREVIA | O Celta fai 101 anos e quere pór o ramo ao centenario cun triunfo ante o Valencia

Minutos antes de que comece o encontro, 101 celtistas seleccionadas a pasada semana por sorteo sairán ao campo portando bandeiras celtiñas mentres o resto do estadio interpreta a capela a 'Oliveira dos cen anos' "baixo un ceo iluminado cun espectáculo de fogos artificiais nun show de pirotecnia" que fechará o centenario e dará paso ao ano 101 de vida do Celta.
O estadio Abanca-Balaídos interpretando a capella o himno do centenario. (Foto: RC Celta)
photo_camera O estadio Abanca-Balaídos interpretando a capela o himno do centenario. (Foto: RC Celta)

Esta sexta feira, 23 de agosto, remata oficialmente a conmemoración do primeiro centenario do Real Club Celta, fundado tal día como hoxe hai agora 101 anos. E para celebralo, aproveitando que o sorteo da Liga quixo que coincidise a efeméride co partido no que os celestes reciben en Balaídos o Valencia (19 horas), a entidade que preside Marián Mouriño preparou "unha xornada para o recordo" que comezará a primeira hora da mañá.

Entre as 10 e as 13.30 horas o estadio do Celta abrirá as súas portas de forma gratuíta —previa inscrición a través da súa web— para permitir ás seareiras e seareiros que o desexen explorar o museo, camiñar a pé de campo, sentar no banco de suplentes e visitar os vestiarios e a sala de prensa.

Xa pola tarde, minutos antes de que comece o encontro correspondente á segunda xornada ligueira, 101 celtistas seleccionadas a pasada semana por sorteo sairán ao campo portando bandeiras celtiñas mentres o resto do estadio interpreta a capela a Oliveira dos cen anos, o himno composto polo artista C. Tangana, "baixo un ceo iluminado cun espectáculo de fogos artificiais nun show de pirotecnia" que fechará o centenario e dará paso ao ano 101 de vida do Celta.

Unha convocatoria coa única novidade de Guaita

E unha vez o árbitro dea por comezado o partido co seu asubío inicial os focos centraranse nun céspede ao que podería voltar o porteiro Vicente Guaita, incluído de novo na convocatoria após superar a lesión que o privou do primeiro choque ante o Alavés. A decisión de aliñar o porteiro valenciano, repetir con Iván Villar ou dar a oportunidade a Marc Vidal de debutar en Primeira está agora en mans de Claudio Giráldez.

Esta é a única novidade na lista do técnico porriñés, que volve excluír Unai Núñez, Franco Cervi, Luca de la Torre —aínda no parte médico por escordadura de nocello— e Tadeo Allende, todos eles na rampla de saída. Tamén caen Mihailo Ristic, mancado —edema no xemelgo interno dereito—, e o gardameta do Fortuna César Fernández, debido á inclusión de Guaita.

Na parcela defensiva salienta a presenza novamente do carrileiro con ficha do filial Javi Rodríguez, que se estreou na elite contra o Alavés entrando após o descanso en substitución de Javier Manquillo e asinou unha moi boa actuación. E dado o estado de forma de Williot Swedberg, o xogador chave na remontada da pasada semana, partirá previsibelmente de inicio no lugar de Jo Bamba acompañando no ataque a Iago Aspas e Tasos Douvikas.

Comentarios