O rap con raíces galegas de Rebeliom do Inframundo protagoniza o 'Sermos'

Entrevistamos a popular banda de rap no novo número do semanario, á venda durante toda a fin de semana, e falamos tamén de viño, de memoria histórica, de cinema... e moito máis!
Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.

Como é habitual, este sábado, 24 de agosto, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. Esta edición protagonízaa a banda de rap Rebeliom do Inframundo, formada por Nervo, Frank, Pol, Alberto e Tone. Son xente de aldea, normal, e, sobre todo, cos principios moi claros sobre o que queren desde o nacemento do grupo en 2005. Para eles, todo é cuestión de normalizar na música, desde regularizar o compoñer en distintas linguas a equilibrar a relación dos artistas co seu público, o valor dos premios e galardóns ou incluso o valor dos 'likes'. Todo é cuestión de reposicionar prioridades.

"Aínda que fagas rap falando de amor ou de festa, dá igual. Xa escolles. Ao final todos os galegos sabemos galego. Bueno non, todos os galegos sabemos falar castelán, non todos sabemos falar galego. Todos podemos decidir falalo, se decidimos falar en galego é por algo, na maioría dos casos por unha conciencia social ou por conveniencia", apuntan nesta conversa con Sonia Iglesias.

A uva rebelde da terra lexítima

A reportaxe de apertura do semanario corre a conta de Henrique Sanfiz, que fala da "uva rebelde da terra lexítima" abordando a evolución dos viños galegos, que hoxe ompiten en calidade cos de calquera parte do mundo. Un proceso que vai en paralelo coa recuperación das castes autóctonas, ancestrais, enraizadas no territorio, e entre elas sobresae unha das máis xenuínas: a branca lexítima, unha variedade que fora perdendo terreo desde comezos do século XX.

Coa entrada do século XXI , múltiples adegueiros esfórzanse por recuperar terras para elaborar viños con potencialidade e personalidade, caldos que poden competir en calquera mercado do mundo. O clima e o terreo ofrecen condicións óptimas. Os adegueiros coinciden en debuxar un futuro esplendoroso para o viño: "Hai que buscar caldos aromáticos, con elegancia, con sutileza, con personalidade porque o viño é o reflexo da paisaxe", indica Fernando González, de Adegas Algueira, quen rexenta un restaurante en Doade, en Sober (Terra de Lemos), e recibe excursións ás que lles ofrece catas guiadas e camiñadas polas viñas da Ribeira Sacra.

Emilia Díaz: unha icona da loita por despenalizar o adulterio

O franquismo recuperou o delito de adulterio que a II República derrogara, o que foi especialmente gravoso para as mulleres. Así o constata a historia de Emilia Díaz, condenada ademais de por esta figura por corrupción de menores, ao entender a ditadura que era un mal exemplo para a descendencia, xestada co segundo home e que nin sequera tivo dereito a levar o apelido paterno, o que condicionou a súa vida tras a morte de Emilia. Sobre a súa historia escribe Montse Fajardo na segunda reportaxe deste Sermos.

A historia sería hoxe do máis común. Emilia casa co seu mozo de sempre, Tucho, ten unha filla, e tras uns anos de feliz matrimonio, el decide probar sorte na emigración e marcha a Holanda a traballar nunha fábrica. Na súa ausencia, Emilia namora doutro home, Moncho, cliente do bar familiar que ela atendía na parroquia vilagarciá. A relación consolídase e once anos despois do nacemento da súa filla Juana, Emilia dá a luz un bebé de Moncho, Manuel, ao que axiña seguirá unha nena, Susana. O seu marido é moito máis comprensivo que o réxime ditatorial e, para evitarlle problemas legais, accede a que Emilia lles poña os seus apelidos ás dúas criaturas que tivera con outro home.

Literatura, música, cinema... e máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Anxo González Guerra achégannos as novidades no sector literario, a comezar por Economía e poesía. Rimas internas, de Yolanda Castaño (Galaxia, 2024), e unha ollada retrospectiva de Adiós María, de Xohana Torres (Galaxia, 2018).

No apartado musical, Lois Agrelo fálanos de Realismo, de Xan Campos Trío (Hevi, 2020), mentres Xurxo Souto asina un artigo titulado O cocido de Viana, cando naceu o bravú, en alusión á vespera do Castañazo Rock de 1994, considerado o xermolo deste estilo musical propio do país.

Aliás, o experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Matronas, de Léa Fehner (Francia, 2023 / 127 min), así como outros títulos de estrea e clásicos da gran pantalla. Ademais, na seccións Ir ás aves Ramsés Pérez preséntanos as plumas de diferentes paxaros no artigo Do mundo, ao profundo. Pola súa parte, Carlos L. Bernárdez fálanos da pintura de Juan Rivas a través da exposición Entre Ancoradouro e Mogor (Nigrán, 19 de setembro de 2024).

E, por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa, como é habitual.

*Lembra que podes atopar o 'Sermos Galiza' este sábado, 3 de agosto, acompañando o xornal 'Nós Diario'. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Máis en CULTURA
Comentarios