Alemaña reacciona ao atentado terrorista da sexta feira anunciando máis deportacións

O país teutón xa aprobara en xaneiro a expulsión masiva de migrantes.
Olaf Scholz a segunda feira. (Foto: Henning Kaiser / DPA vía Europa Press)
photo_camera Olaf Scholz a segunda feira. (Foto: Henning Kaiser / DPA vía Europa Press)

“Teremos que facer todo o posíbel para garantir que aqueles que non poidan ou non se lles permita permanecer en Alemaña sexan repatriados e deportados”, subliñou a segunda feira o chanceler teutón Olaf Scholz, insistindo na necesidade de intensificar as expulsións de persoas migrantes nunha visita a Solingen, situado no oeste alemán.

Scholz desprazouse á localidade despois de que na noite da sexta feira rexistrara un ataque con coitelo que deixou tres falecementos. O autor é un home sirio que se entregou ás forzas de seguridade.

Malia que o Estado Islámico reivindicou a autoría “para vingarse dos musulmáns en Palestina e en todas partes”, a Policía matizou que comparte a súa ideoloxía e que tiña que ser expulsado a Bulgaria, mais nunca se completou a deportación.

O chanceler reiterou que “sinto ira, a miña ira diríxese contra os islamistas, teñen que saber que non cesaremos na súa persecución”, e afirmou que é preciso “endurecer de novo a normativa sobre armas, iso debe ocorrer e ocorrerá moi rapidamente”.

As declaracións de Scholz fecharon o debate aberto na coalición de Goberno pola resposta, no que a súa formación, o Partido Socialdemócrata, e os Verdes defendían centrarse en restrinxir a posesión de armas brancas. En paralelo, o liberal Partido Democrático Libre reclamaba apuntar cara á expulsión de persoas migrantes.

En xaneiro, o lexislativo alemán deu luz verde a un proxecto da coalición para ampliar o período de detención das persoas migrantes e facilitar a súa expulsión de forma masiva.  

Este domingo decorrerán eleccións nos Estados de Turinxia e Saxonia, nas que a extrema dereita de Alternativa para Alemaña lidera as enquisas nunha campaña que pivota sobre a migración.

Comentarios