O Festival da Poesía encherá O Condado de solidariedade con Palestina

Shahd Wadi, Arancha Nogueira, Inma Núñez Núñez e Diana Kurich, entre outras poetas, protagonizarán os recitais poéticos desta edición.

Dakidarría no Festival da Poesía no Condado na edición de 2023. (Foto: Festival da Poesía)
photo_camera Dakidarría no Festival da Poesía no Condado na edición de 2023. (Foto: Festival da Poesía)

O vindeiro sábado, 31 de agosto, decorrerá en Salvaterra de Miño (O Condado) a edición número 36 do histórico Festival da Poesía no Condado, un ano despois da conmemoración dos 50 anos de vida da súa entidade promotora, a SCD do Condado.

A solidariedade galega coa causa palestina será o eixo central das actividades previstas que, como é habitual, combinan poesía con música e diferentes expresións artísticas, culturais e deportivas, nun encontro lúdico e reivindicativo que xuntará milleiros de persoas na vila raiana.

O descenso de embarcacións tradicionais polo río Miño, que comezará ás 10.30 horas, dará o disparo de saída do festival. A continuación, ás 11 horas, un tren levará as persoas asistentes polas rúas de Salvaterra e Monção e unha potente treboada marcará o arranque festivo no torreiro da festa, a praza da Oliva, situada no recinto amurallado da vila. Coincidirá, ademais, coa apertura dos postos de mercado de artesanía e de colectivos que envolverán ao longo de todo o día os espazos centrais da festa.

Identificando a loita de Palestina coa loita das mulleres, o elenco de poetas que este ano participará no Festival da Poesía será exclusivamente feminino. En diferentes espazos e de maneira intercalada entre as actividades da xornada, recitarán os seus poemas a investigadora e poeta palestina Shahd Wadi, xunto a Arancha Nogueira, Inma Núñez Núñez, Diana Kurich, Iris Abril Teijeira, Afra Torrado, Lucía Cernadas, Susana Araujo, Susana Arins e Charo Lopes.

No apartado musical da festa destacan as festeiras Brassica Rapa xunto a unha nova aposta rapeira do Condado, Escola da Rata. Tamén Jafra Group, coa súa danza palestina, o Check Point Clown de Pallasos en Rebeldía, Os Carunchos, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, Loita Amada, Banda Bassotti e a banda viguesa Skárnio, así como Marqués de Vilapodre DJ Set.

Activistas por Palestina

A escasos metros do torreiro da festa, a praza do peixe será o espazo onde decorrerá a Mesa das Ideas, que contará coa presenza da investigadora palestina residente en Portugal Shahd Wadi, o clown activista Iván Prado, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e o militante da Fronte Popular para a Liberación de Palestina (FPLP) Fayez Badawi. Moderada pola activista galega Charo Lopes, terá como título “Palestina: ocupación, resistencia e solidariedade”, e nela as relatoras analizarán a situación actual.

No mesmo espazo terá lugar a presentación do libro Cantos de dor e liberdade. Voces galegas por Palestina (Tempo Galiza, 2024), obra que reúne 42 poemas e 12 ilustracións de artistas galegas solidarias coa causa palestina.

Decorrerán tamén as presentacións de No pasarán! e A guerra a Leste. 8 meses no Donbass coa presenza dos seus autores, David Cacchione e Bruno Carvalho, respectivamente, así como a novela gráfica Balada do Desterro, que aborda a relación do Zeca Afonso coa Galiza, a través de textos de Teresa Moure e ilustracións de Maria João Worm.

A solidariedade coa causa Palestina farase manifesta tamén cunha mobilización na ponte internacional que une Salvaterra con Monção. Ás 16 horas, unha cadea humana solidaria unirá ambas as marxes do Miño co obxectivo de “visibilizar o noso apoio á súa causa”.

Tamén deporte

Non faltará o deporte nesta 36 edición do Festival da Poesía no Condado, que ademais estrea un Aberto de Chave, un campionato popular aberto á participación de todas e todos que decorrerá desde as 12.30 horas no parque da Canuda.

Antes desta proba, no torreiro da festa, terá lugar o xa tradicional Aberto de Billarda e, pola tarde, no Campo do Casal, a sexta edición do xogo aberto de Fútbol Gaélico Festival da Poesía.

Ademais, as crianzas tamén teñen cabida na programación da festa, coa representación de A Historia de Blancaflor do contacontos Fran Rei, ás 19 horas na Porta da Oliva.

Máis en CULTURA
Comentarios