Os prezos industriais baixaron 2,5% en xullo respecto a 2023, máis que a media estatal

Nese descenso anual influíron os prezos da enerxía que baixaron un 6,9%, os bens intermedios (-2,3%) e os bens de consumo duradeiro (-1,4%).

Traballadores do sector industrial. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Traballadores do sector industrial. (Foto: Nós Diario).

Os prezos industriais baixaron un 2,5% na Galiza en xullo en comparación co mesmo mes do 2023, máis dun punto que a media estatal (-1,4%), segundo os datos publicados esta segunda feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

O descenso no país é o sétimo máis acusado do conxunto do Estado español, unha relación que lidera por detrás dos experimentados por Canarias (-6,9%), Illas Baleares (-6,3%) e Asturias (-6,1%). Ademais, segundo o Índice de Prezos Industriais (IPRI), aumentaron en Castela-A Mancha (1,2%), Murcia (0,9%) e Andalucía (0,3%).

A pesar da caída interanual dos prezos industriais en xullo na Galiza, se se comparan con xuño deste ano subiron un 2% e nos sete primeiros meses de 2024 descenderon un 0,6%. Nese descenso do 2,5% anual influíron os prezos da enerxía que baixaron un 6,9%, os bens intermedios (-2,3%) e os bens de consumo duradeiro (-1,4%). O único que rexistrou un ascenso foron os bens de consumo non duradeiro, cun 0,7%.

Datos estatais

A nivel estatal, co descenso interanual de xullo, a inflación do sector industrial encadea 17 meses de taxas negativas despois de que en marzo de 2023 se puxera fin a un período de 26 meses consecutivos de incrementos, no que chegou a rexistrar taxas positivas de dous díxitos durante máis de 20 meses.

A moderación da inflación industrial en xullo foi consecuencia da evolución dos prezos da enerxía, que elevou a súa taxa interanual máis de cinco puntos, até o -6,6%, polo encarecemento da produción, transporte e distribución de enerxía eléctrica e, en menor medida, pola produción de gas.

Tamén influíron os bens intermedios, que incrementaron a súa taxa interanual nove décimas, ata o -1,2%, polo menor descenso dos prezos da fabricación de produtos básicos de ferro respecto ao experimentado en xullo de 2023. Por contra, os bens de consumo non duradeiro recortaron en xullo a súa taxa interanual oito décimas, até o 2,7%, polo abaratamento na fabricación de aceites e graxas vexetais e animais. Pola súa banda, a taxa de variación anual dos prezos industriais excluíndo a enerxía fechou xullo no 0,9%, a mesma taxa que en xuño, situándose deste xeito 2,3 puntos por enriba do índice xeral.

En taxa mensual (xullo sobre xuño), os prezos industriais subiron un 1,7% tras aumentar os prezos da produción, transporte e distribución de enerxía eléctrica un 10,6% respecto a xuño e subir os da produción de gas un 3,3%.

Comentarios