Menos capturas, máis facturación e prezo á alza: a costeira do bonito continúa no Cantábrico

As capturas do total de frota caen un 27% en relación a 2023 superado o ecuador dunha campaña na que non se espera consumir toda a cota
Descarga de bonito no porto de Burela (A Mariña) durante a costeria de 2023. (Foto Carlos Castro Europa Press).
photo_camera Descarga de bonito no porto de Burela (A Mariña) durante a costeria de 2023. (Foto Carlos Castro Europa Press).

A costeira do bonito do norte pasou o ecuador da súa campaña no porto de Burela (A Mariña) cunha pequena redución no número de quilos comercializados, un lixeiro incremento na facturación e unha mellora provisional de case un 10% no prezo medio da especie con respecto ao mesmo período do ano pasado.

Así o sintetizou, en declaracións a Europa Press, o xerente de Armadores de Burela (ABSA), Miguel Neira, que cualificou a campaña no porto mariñán, ás portas de acabar o mes de agosto, como "unha costeira tipo" cunha redución de "arredor de 4%" no volume de quilos comercializados e un "incremento da facturación de entre un 4 e un 5%" como consecuencia da repunta do prezo medio dos exemplares na lonxa, estabelecido actualmente na contorna dos 4,38 euros o quilo.

Con todo, aínda é pronto para poder avaliar os resultados da costeira. Os datos que manexan son aínda parciais e foron flutuando "demasiado", especialmente no relacionado co volume de capturas, a medida que foi avanzando a campaña.

Campaña irregular

Após un arranque –entre finais de maio e o mes de xuño– "máis pobre" e no que se pescou comparativamente menos que en 2023 –un ano "excepcionalmente bo", apuntan desde ABSA– xullo trouxo consigo unha recuperación do ritmo de capturas lastrado despois por unha nova caída en agosto, caracterizado por grandes altibaixos. "Hai un dato preocupante e é que igual que en xullo parecía que as capturas evolucionaban ben, agora obsérvase que a nivel de capturas non existe satisfacción na frota", recoñece Miguel Neira.

"O que pase a partir de agora e até finais de setembro vai ser determinante, porque isto cambia de semana en semana. Cando fechemos agosto xa teremos moita máis información como para empezar a sacar conclusións", apunta despois, con cautela, en relación ao devir dunha costeira que este ano se adiantou algúns días no porto de Burela, onde ao longo da última semana do mes de maio xa se realizaron as primeiras poxas.

Menos capturas

Aínda que os exemplares de bonito descargados esta campaña no porto galego experimentaron unha considerábel mellora do seu prezo medio en lonxa en relación a 2023, o volume de capturas rexistrado até o momento pola totalidade da frota presenta un descenso de 27% con respecto á última costeira.

Todo iso malia que esta temporada se contaba cun 30% máis de cota de bonito que o ano pasado. "As capturas están a resentirse e en números, a nivel xeral, capturouse un 27% menos. O total da frota acumula 10.500 toneladas capturadas, que son 4.000 toneladas menos de bonito que o ano pasado", revela o xerente de Armadores de Burela.

Máis cota

Unha redución no número de capturas á que non resulta sinxelo atopar unha explicación, puntualiza Neira, xa que "cada costeira é un mundo e moitas veces custa indicar un motivo". "Isto é moi variábel. En cuestión de semanas a cousa cambia e a frota está moi repartida", indica.

O que si parece pouco probábel neste momento, aínda que resta aínda moita campaña por diante, é que a costeira de 2024 poida botar o feche antes de tempo por consumiren os barcos a totalidade da cota dispoñíbel.

"Tiñamos máis cota e capturouse menos en termos xerais, co cal aquela preocupación de que se puidese fechar a costeira por consumir a cota creo que está totalmente descartada". Vai ser moi difícil esgotala, concluíu Miguel Neira.

Comentarios