Lucas Damiani inicia a súa 'Residencia Paraíso' en Lugo

Unha vez finalizada a súa residencia artística, Damiani ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Vello Cárcere, o día 6 de setembro.
Lucas Damiani traballando no proxecto 'Hydra'.
photo_camera Lucas Damiani traballando no proxecto 'Hydra'.

O Vello Cárcere de Lugo acolle, desde esta segunda feira e até a sexta, 6 de setembro, a residencia do artista en torno á proposta do creador uruguaio Lucas Damiani que ten por título Hydra, un proxecto que aposta por unha reivindicación do fracaso, como unha apoloxía da caída e do derrubamento, e por mitoloxías antiheróicas con algunha dose de humor drag, reflexionando a redor da natureza sempre complexa e mutable das relacións.

Unha vez finalizada a súa residencia artística, Damiani ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Vello Cárcere, o día 6 de setembro, ás 20 horas, con acceso libre até completar a capacidade da sala. Paralelamente, o artista participará, xunto ao resto dos "Artistas Paraíso 2024", nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón.

Hydra é un proceso de investigación en relación á auga e o seu cambio de estado como punto de partida para xerar preguntas sobre a transformación, os límites, e a intimidade. O espazo desprégase a partir dunha escultura inicial e o seu inevitábel esboroamento, emerxendo en escena entidades e criaturas, que coma ficcións posthumanistas, se (con)funden nunha paisaxe líquida, viva e en constante mutación, propoñendo seres mitolóxicos contemporáneos en continua metamorfose.

Lucas Damiani

Lucas Damiani é un artista uruguaio afincado en Lisboa e Berlín, que traballa nas interseccións entre as artes escénicas e visuais, con formación en fotografía, psicoloxía, danza contemporánea e performance.

No ámbito da danza, estudou e formouse con diversos artistas, entre eles Mónica Valenciano, Lucas Condró, Maya M. Carroll ou João Fiadeiro (PT), entre outros.

Damiani traballou con varios artistas, entre eles Guillermo Weickert, Lee Mingwei, João Fiadeiro, Marcelo Evelin, e Sofia Dias & Vítor Roriz (novo proxecto, en creación). Tamén colaborou con Noumissa Sidibé na creación de instalacións performativas, como While There Is Still Room (Berlín, 2020). Ademais, o artista formou parte do programa PACAP nas súas quinta e sexta edición (Forum Dança, Lisboa).

Máis en CULTURA
Comentarios