MÁIS

Razo, rei surfeiro

O litoral galego é un dos máis completos e privilexiados grazas ás extensas praias que o poboan e ás fortes vagadas que chegan desde diferentes recunchos do océano Atlántico. Lugares como as praias de Razo e Baldaio, no concello de Carballo (comarca de Bergantiños), convértense no fogar de surfistas autóctonos e foráneos durante a tempada.
Razo é o fogar do Surf. (Foto: Art Surf Camp)
photo_camera Razo é o fogar do Surf. (Foto: Art Surf Camp)

En 1778, cando o explorador británico James Cook arribou ás illas do Hawai atopouse cun grupo de persoas que practicaban un anómalo deporte que os facía case voar sobre a superficie acuática. Tense constancia desta actividade desde hai máis de 500 anos nas illas da Polinesia. Na actualidade, coñécese como surf e contémplanse multitude de técnicas baixo este nome. Deporte olímpico desde os Xogos de Toquio 2020, consiste no uso dunha táboa para deslizarse sobre a sección dianteira dunha onda, coa que normalmente a persoa acaba na beiramar.

Dependendo do tamaño da táboa, as variantes básicas son tres: longboard, funboard e shortboard. As dúas primeiras son perfectas para todas as dificultades e adoitan ser as máis empregadas polas principiantes. Por outro lado, o shortboard precisa de certa experiencia xa que non ten tanta estabilidade. A variante longboard era a máis empregada nos anos 50 e 60, momento no que se comezou a xestar o surf actual. 

As ondas da Galiza

A costa galega posúe 1.498 quilómetros de litoral poboados con máis de 750 praias. É unha zona privilexiada para a práctica do surf ao bater as ondas do Atlántico con forza contra ela.

Nos anos 60, o surf viaxa desde as praias de Euskal Herria, deixando a súa pegada no litoral cantábrico, até chegar ás costas da Galiza. As tecnoloxías non eran as de agora e este grupo de persoas interesadas en bailar coas ondas do mar tiveron que arranxarse cos medios do momento e construír as súas propias táboas. O vento e as mareas guiaron o seu roteiro pola costa da Galiza e estabeleceron as praias idóneas para a práctica desta disciplina acuática: Pantín e Doniños (Ferrolterra), Río Sieira (comarca de Noia), Montalvo e a Lanzada (O Salnés) e Razo e Baldaio (comarca de Bergantiños).

Corazón de Carballo

As praias de Razo e Baldaio, no Concello de Carballo, son dous puntos perfectos para a práctica do surf entre deportistas do país e parte do estranxeiro. Poboan estas praias, sobre todo, de setembro a abril, tempada na que as mareas atlánticas chegadas desde illas remotas como as Azores chocan con forza sobre Razo e Baldaio. Precisamente, a área de Turismo do Concello de Carballo fai so surf epicentro da súa liña de acción.

Estamos ante unha zona poboada con múltiples escolas de surf como Art Surfcamp, que leva 20 anos formando e acollendo na praia de Razo surfistas, galegas e provenientes de Países Baixos, Rusia ou Italia. Posúen diferentes campamentos para crianzas, mocidade e persoas adultas sen límite de idade. "Nunca se é moi maior para practicar surf, só importa ter gusto e afinidade polo mar", explica Alejandro Pensado, coordinador de Art Surfcamp, a Nós Diario.

Boaola tamén comparte a súa filosofía con todas as persoas que se acheguen a Razo, incluíndo amantes do ioga e surfistas, contribuíndo ao turismo respectuoso e local. Martín Varela forma parte do equipo de Boaola e conta a este xornal que as mellores tempadas para surfear sen apenas experiencia son primavera e verán. Adoitan ser persoas que veñen desfrutar das praias galegas durante unha semana ou días soltos, mentres que aqueles máis experimentados tamén se achegan no outono e no inverno. É o momento no que as ondas poden ser máis altas, chegando aos cinco ou seis metros. Son as mellores, ben formadas, de calidade e con potencia, o que buscan en Razo as persoas con experiencia.

Ambas as escolas posúen campamentos para aprender a disciplina. Art Surfcamp conta con 14 campamentos durante a tempada de verán, cunha media de 70 alumnos semanais. É a única escola da praia de Razo que oferta unha tempada tan ampla, de abril a outubro, buscando evitar a masificación. Calculan arredor de 980 alumnos por tempada, ademais de surfistas expertos e as excursións da comarca. 

Explican que normalmente as persoas que veñen probar sorte co surf mostran "incerteza" cara a el. "Gran parte do noso alumnado pensa que non van poder surfear. Aquí explicámoslles como facelo, con progresión, técnica e desfrutando do mar", di Alejandro Pensado. Desde Boaola sinalan que reciben arredor de 1.000 surfistas cada ano, dos cales a metade son crianzas que estudan nas escolas de Carballo e adoitan realizar esta actividade de forma anual. Contan que o máis común entre as persoas iniciadas no surf é que poñan o neopreno do revés ou que enceren mal as táboas. Para todas as escolas da contorna, o esencial non é que o alumnado saia sendo un gran surfista da elite, senón que aprenda, goce coa experiencia e viva en sintonía co mar e a contorna.

Coidar Razo-Baldaio

O complexo dunar de Razo-Baldaio está formado por ambas as praias, a lagoa e a marisma, creando un sistema natural de gran valor ecolóxico. Está incluído na Rede Natura 2000 e é Zona de Especial Protección para as Aves (ZECA). A veciñanza atópase moi comprometida coa conservación do medio natural, sendo o programa impulsado polo Concello de Carballo Eu quero Razo-Baldaio, que aposta polos hábitos de turismo consciente, un éxito edición tras edición.

Máis en CULTURA
Comentarios