Menos avespas velutinas, máis mel: así afecta esta especie invasora ao sector apícola

O sector apícola galego desfruta este ano duns meses de tregua na súa loita contra as avespas velutinas. Tanto os apicultores e as apicultoras como a Xunta da Galiza, a través dos avisos recibidos para a retirada de niños, constatan un descenso no número de individuos desta especie invasora, o que está a repercutir de maneira moi positiva na produción de mel das colmeas galegas.
Apicultora galega manipulando unha colmea de abellas, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Apicultora galega manipulando unha colmea de abellas, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Xunta da Galiza)

Os efectos das avespas velutinas, especie considerada invasora, poden ser devastadores para as colmeas de abellas, o que se suma aos efectos que teñen contaminantes como os pesticidas sobre estes insectos produtores de mel. Con todo, no que vai deste ano 2024, as avespas asiáticas están a darlle unha tregua ás abellas galegas. Así o confirma Xesús Asorey a Nós Diario desde o colectivo Máisquemel. Logo de que desde a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel da Galiza cifraran a caída da produción de mel por colmea en 50% en cinco anos, "semella que este ano a velutina vén un pouco atrasada, o que está a favorecer que haxa zonas con moi boas colleitas", sinala Asorey.

Confírmano tamén os datos relativos á notificación da presenza de niños destas avespas achegados polo programa galego de vixilancia e control fronte á velutina. Así, o número de avisos recibidos pola Xunta da Galiza no primeiro semestre deste ano reduciuse en case 60% con respecto ao mesmo período de 2023, ao pasar de 9.735 avisos a 4.129.

Ademais, a baixa presenza de velutinas é mesmo apreciábel "a simple vista", pois o mesmo Asorey fai un cálculo aproximado que se achega ás cifras proporcionadas pola Xunta: "Este ano o número de velutinas é tranquilamente 50% inferior aos dous últimos anos".

A influencia da climatoloxía

As primeiras análises realizadas polo Executivo galego asocian esta diminución, principalmente, "ás medidas de choque activadas pola Xunta da Galiza a comezos de ano". Este plan –acordado entre o Goberno galego e os Concellos a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e que desempeña a empresa pública Seaga– incluía o adianto da retirada dos niños detectados cunha campaña especial de actuación sobre os primarios, que son os primeiros en aparecer, así como a realización dun trampeo organizado, selectivo e xeolocalizado dirixido á captura das raíñas, con máis de 113.000 atrapadas, segundo os datos proporcionados polo Goberno galego.

Con todo, para Xesús Asorey a chave no descenso do número de exemplares de avespa velutina constatado nesta primeira parte do ano está en que "a climatoloxía que houbo este ano tanto na primavera como no verán propiciou que este ano haxa un número de avespas moi inferior ao doutros anos".

Así e todo, o sector apícola galego non permanece tranquilo, pois o ano 2023 foi un ano prolífico para as avespas asiáticas e, ademais, a baixada do número de velutinas neste 2024 pode non ser concluínte. Neste sentido, os produtores de mel agardan así a unha posíbel repunta na poboación desta especie invasora. Precisamente, o verán coincide coa época de maior proliferación desta especie e desde o colectivo Máisquemel Xesús Asorey recoñece que "todos os anos flutúa, uns máis e outros menos, e aínda que este vaia moi atrasada, os números seguro que van repuntar, aínda que agardamos que o fagan en menor intensidade que en
anos pasados".

Un incremento irregular da produción

A tregua que proporciona a caída no número de avespas asiáticas traduciuse nun incremento na produción de mel, mais esta suba non se rexistra de maneira homoxénea por todo o territorio galego.

"A produción está a ser moi boa e prevese unha colleita moi superior, en cantidade, á rexistrada nos últimos tres anos, sobre todo no interior e nas montañas", explica Asorey, para engadir que na costa, onde abundan as poboacións de eucalipto, a produción é máis ben "escasa". "Nas zonas onde hai eucalipto, sobre todo onde hai Eucalyptus globulus, como floreceu moito máis cedo do habitual, algo que acontece cada vez con máis frecuencia debido ao cambio climático, nestas áreas non vai haber colleita", conclúe.

Comentarios