O BNG lanza unha "ofensiva" para pedir ao PP explicacións sobre "o cúmulo de irregularidades" na contratación da Xunta

"Se non hai nada que ocultar, que problema hai en enviar información e comparecer no Parlamento?", preguntou Luís Bará, que demandará ao Executivo galego “transparencia”.
O deputado do BNG no Parlamento galego Luís Bará, esta segunda feira. (Foto: Arxina)
photo_camera O deputado do BNG no Parlamento galego Luís Bará, esta segunda feira. (Foto: Arxina)

O BNG avanzou que lanzará unha "ofensiva parlamentaria" no arranque do curso político para demandar explicacións sobre o "cúmulo de irregularidades" que aprecian na forma de contratación pública da Xunta da Galiza, marcada, segundo os nacionalistas, polo "trato de favor, o amiguismo e o nepotismo para beneficiar determinadas empresas" asociadas a "familiares" de cargos do PP.

Así o deputado da formación nacionalista Luís Bará durante unha rolda de prensa decorrida esta segunda feira no Pazo do Hórreo, onde anunciou a presentación dunha batería de iniciativas co obxectivo de que a Xunta sexa "transparente" coa súa forma de contratar, especialmente con aquelas empresas con "vínculos" con responsábeis do Partido Popular.

"Se non hai nada que ocultar, que problema hai en enviar información e comparecer no Parlamento?", preguntou Bará, que acusou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de aplicar "a lei do silencio e da ocultación" para "tapar as irregularidades" cometidas durante a etapa de Alberto Núñez Feixoo en San Caetano e posteriormente coa súa substitución. Segundo Bará, durante estes anos "adxudicáronse contratos por valor de máis de 90 millóns de euros a empresas amigas", polo que os nacionalistas demandarán na próxima xunta de portavoces —que dentro dunha semana dará forma ao primeiro pleno tras o parón estival— que compareza Rueda na sesión inaugural do curso político.

A maiores, o BNG rexistrará iniciativas para exixir ao Goberno galego que remita aos grupos a documentación sobre determinados procesos "que se ocultan" ao Parlamento da Galiza polo "veto" de Rueda a que se coñezan os detalles sobre a adxudicación de contratos "millonarios" con compañías con "vínculos" co PP como Universal Support, Sibucu ou Mape Asesores

Bará asegurou que o BNG demandou a través do regulamento do Parlamento e, mesmo, chegou a presentarse na sede da Xunta para reclamar que se lles facilitase a documentación sobre estes contratos con compañía "con vínculos" co PP, pero foilles “negada”. Por este motivo, volverán "reiterar" a súa exixencia de "transparencia" con estes e cos contratos coa empresa Eulen. Neste sentido, o viceportavoz nacionalista puxo o acento na necesidade de que exista "unha auditoría independente" sobre os contratos asinados pola Xunta con este grupo empresarial do que, como subliñou, é directiva Micaela Núñez, irmá do actual líder do PP e ex presidente galego.

470 millóns de sobrecusto no Álvaro Cunqueiro

Por último, Bará sinalou que reclamarán a través da súa acción parlamentaria que o PP ofreza explicacións sobre o "sobrecusto" de 470 millóns de euros na construción do hospital vigués Álvaro Cunqueiro, un asunto que os nacionalistas levaron á Deputación Permanente a mediados de agosto para reclamar que Rueda comparecese nun pleno extraordinario, reclamación finalmente rexeitada pola maioría absoluta dos populares.

Para o deputado do BNG, este "escandaloso" custo adicional na construción e posta en funcionamento do hospital revelado por un informe do Consello de Contas publicado a inicios do mes de agosto "debería obrigar" á asunción de "responsabilidades" dentro do Goberno galego, dado que o órgano fiscalizador apunta á forma de xestión elixida para a súa posta en marcha.

Comentarios