Cangas

A socialista Iria Malvido non dimite tras dar positivo nun control de alcolemia á espera do que decida Ferraz

Ao tratarse duns feitos do ámbito penal, o asunto quedará en mans da Comisión de Ética e Garantías de Ferraz, que resolverá o que considere "á vista da natureza das concretas circunstancias do caso", segundo expón o código ético socialista.
A primeira tenente de alcaldesa de Cangas, Iria Malvido. (Foto: Concello de Cangas)
photo_camera A primeira tenente de alcaldesa de Cangas, Iria Malvido. (Foto: Concello de Cangas)

A primeira tenente de alcaldesa de Cangas (O Morrazo), Iria Malvido, trasladou esta terza feira á Executiva do PSOE local que non vai dimitir tras o seu positivo nun test de alcolemia a pasada madrugada que a levará a xuízo.

Así o trasladou nunha reunión da Executiva convocada de urxencia para a tarde desta terza, na que a maioría dos seus membros fecharon filas arredor de Malvido á espera de que sexa a dirección federal —en Madrid— a que decida sobre o seu futuro, segundo relataron fontes presentes na reunión en declaracións á axencia Europa Press. Tampouco houbo novidades polo de agora sobre unha eventual dimisión da concelleira de Deportes, Sagrario Martínez, tamén do PSOE, por cuestións persoais e totalmente alleas ao caso da tenente de alcaldesa.

Malvido comunicou á dirección provincial os feitos xa na mañá desta terza feira, poucas horas despois do control de alcolemia. Agora, conforme aos estatutos e o código ético do partido, o caso remitirase ao Comité Federal. Ao tratarse duns feitos do ámbito penal, o asunto quedará en mans da Comisión de Ética e Garantías de Ferraz, que resolverá o que considere "á vista da natureza das concretas circunstancias do caso", segundo expón o código ético socialista.

De acordo con este mesmo texto, un cargo do partido só se enfronta a unha expulsión segura —ten que pedir a baixa ou a Comisión de Ética e Garantías procederá a suspendelo de militancia— se se trata de delitos de suborno, tráfico de influencias, malversación, violencia de xénero, delitos de acoso ou discriminación, contra a liberdade e indemnidad sexuais, torturas ou contra a integridade moral.

Iria Malvido foi candidata do PSOE á Alcaldía de Cangas nas eleccións municipais de 2023 e actualmente é a 'número dous' dun Goberno local tripartito que dirixe Araceli Xestido (BNG) e no que tamén está presente Esquerda Unida.

Polo de agora, o BNG e EU non comunicaron a súa postura, mentres que o PP xa emitiu un comunicado no que exixe a súa dimisión porque que a conduta dos representantes públicos "debe ser exemplar".

Comentarios