O PSdeG acusa a Xunta de "estrangular" o financiamento municipal na Galiza

A deputada socialista, Patricia Igrexas, denuncia o “colapso dos servizos” que provoca o Goberno galego. 
Patricia Igrexas, á dereita, no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Patricia Igrexas, á dereita, no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)

A deputada de Calidade Democrática e Transparencia do PSdeG, Patricia Igrexas, cualificou esta terza feira de "neglixente e irresponsábel" a xestión do Goberno galego no financiamento dos servizos sociais nos concellos.

A socialista acusou o Executivo de Alfonso Rueda de "someter os concellos galegos a un estrangulamento financeiro deliberado" que pon en risco a viabilidade de servizos esenciais como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

"O PP está a xogar coa calidade de vida dos galegos e das galegas, mentres se empeña en desviar recursos para favorecer os intereses dunha minoría", explicou Igrexas, que destacou que o aumento anunciado polo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, de 5 ou 6 millóns de euros para 2025, “é un insulto aos alcaldes e ás alcaldesas que están loitando cada día para manter os servizos máis básicos”.

Ademais, Igrexas sinalou o SAF como o exemplo “máis evidente” do desinterese de Rueda polos colectivos  vulnerábeis. Asegura así que mentres o Goberno español “incrementa as transferencias aos concellos”, a Xunta da Galiza "recorta".

Comentarios