O PSdeG admite que a Comisión Europea non acepta os argumentos do Goberno español no expediente contra a prórroga da AP-9

O BNG resalta que "agora é a oportunidade" de pór fin á concesión para ter unha autoestrada "galega e libre de peaxes".
Unha peaxe na AP-9. (Foto: Ana Varela / Xunta de Galiza)
photo_camera Unha peaxe na AP-9. (Foto: Ana Varela / Xunta de Galiza)

A Comisión Europea non está disposta a aceptar os argumentos esgrimidos polo Goberno español -tanto nunhas primeiras alegacións como nas segundas, remitidas hai uns días en resposta a unha segunda carta de emprazamento- para defender a prórroga da concesión da autoestrada AP-9, ao entender que esta decisión se adoptou co obxectivo de valorizar a infraestrutura para a súa privatización, e que non é aplicábel a excepción 'in house' defendida polo Executivo estatal.

Esa é a posición que, en diferentes momentos, se trasladou a eurodeputados e eurodeputadas galegas que preguntaron sobre a tramitación do expediente de infracción aberto ao Estado español, ao considerar que vulnerou a normativa da Unión Europea (UE) por non convocar un concurso público en lugar de aprobar a prórroga directamente (unha prórroga de 25 anos, até 2048).

E así llo trasladaron membros da Comisión Europea ao eurodeputado socialista Nicolás González Casares, nun encontro mantido o pasado 17 de xullo, no que os responsábeis do Executivo europeo expresaron a súa esperanza de que o Estado español renuncie a manter como xustificación esa excepción 'in house'. Respecto diso, a Comisión insiste en que o Goberno español (no ano 2000, presisido polo popular José María Aznar) ampliou a concesión sabedor de que, pouco tempo despois, ía vender a autoestrada, para aumentar o seu valor.

Nese sentido, González Casares apuntou que a Comisión "non lle di ao Estado español como ten que liquidar a situación", senón que "ten que ser o Estado membro o que negocie e expoña unha proposta". Respecto diso, sinalou que, entre as alternativas posíbeis, está sacar a concurso unha licitación da concesión ou ben negociar coa empresa que explota a autoestrada (Audasa) unha rescisión do contrato, unha opción que o propio ministro español de Transportes, Óscar Puente, descartou (a pesar de que xa foron rescatadas autoestradas noutras autonomías) polo elevado custo que, segundo el, suporía par as arcas públicas (que cifrou nuns 4.000 millóns).

O europarlamentario galego lembrou, con todo, que a situación é froito dunha "herdanza envelenada" do PP e que, nese sentido, o Goberno español pode alegar estar indefenso porque "eles non tomaron esa decisión". González Casares subliñou que o PSdeG non comparte a prórroga acordada polo goberno de Aznar, unha "decisión nociva" para a Galiza, aínda que matizou que, como eurodeputado, defende "que se respecte o dereito comunitario".

Finalmente, tras reiterar que a Comisión Europea "non acepta as xustificacións" do Estado español, insistiu nas dúas vías posíbeis, a priori, para dar solución a esta situación, ou ben un rescate ou ben licitar novamente a concesión, aínda que engadiu que, esta segunda opción, "non gustaría" na Galiza.

Ana Miranda denuncia a perda dunha "oportunidade"

Pola súa parte, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, lamentou que o Goberno do Estado español se empeñe en manter uns argumentos que a Comisión Europea xa rexeitou -e así llo trasladaron as autoridades do Executivo da UE á propia Miranda- e sinalou que a "indefensión" que alega o Goberno español non é senón "conivencia" do PSOE co PP.

Respecto diso, Miranda subliñou que "agora é a oportunidade" de pór fin á concesión para ter unha autoestrada "galega e libre de peaxes", e acabar así coa "trapallada" que deixou en herdanza o PP aos galegos e ás galegas. "Pero póñense de perfil, pregúntome que intereses hai detrás", aseverou, antes de repetir que "hai que dar un paso adiante" e de anunciar que ela se vai a "empeñar até o final" para conseguir a anulación da concesión.

Sobre a xustificación do Ministerio español de Transportes sobre o alto custo de rescatar a AP-9, Ana Miranda puntualizou que "non ten por que ser así", xa que se a Comisión Europea declara que a prórroga foi ilegal, e sería o Estado español o que podería reclamar lucro cesante. Ademais, engadiu, no caso de que non haxa unha proposta alternativa por parte do Estado español, a infracción que agora investiga a Comisión Europea podería acabar no Tribunal de Xustiza Europeo e, "se o TXUE condena o Estado, os cidadáns pagarían dobremente, a concesión e a multa, e Audasa rirá de todos".

A eurodeputada nacionalista, que presentou varias preguntas á Comisión Europea sobre este expediente de infracción, avanzou que o BNG está a preparar un informe exhaustivo, da man da Universidade da Coruña (UDC), "que demostra a ilegalidade da prórroga" e que "hai indicios máis que evidentes de que isto foi moi mal feito, e que a Comisión Europea ten razón". "O Estado español pode alegar o que queira, mais se non se cumpriu a lei, non se cumpriu", concluíu.

Sobre esta cuestión pronunciouse tamén esta cuarta feira o deputado do BNG no Congreso español, Néstor Rego, que ve "escandaloso" que o Goberno estatal alegue "indefensión" para xustificar o mantemento da concesión até 2048. Tras lamentar que o Goberno de Pedro Sánchez asume o papel de "cómplice da inxusta resolución de Aznar", sinalou que é "incoherente" dicir que non comparte a decisión e pretender mantela, e cuestionou tamén a fiabilidade das cifras esgrimidas polo PSOE para rexeitar o rescate.

Críticas do PP

Pola súa parte, e a pesar de que a prórroga até 2048 parte dunha decisión do popular José María Aznar, o PP expresou a súa "sorpresa" por ter que coñecer a través dos medios a posición do Goberno español neste procedemento, e lembrou que a Xunta da Galiza encargou un estudo para coñecer se as cifras dadas polo Ministerio español de Transportes para un eventual rescate son "fiábeis".

O portavoz popular de Infraestruturas no Parlamento galego, Roberto Rodríguez, reclamou "seriedade, transparencia e obxectividade", e asegurou que a Xunta traballa "para ter unha AP-9 galega, transferida con medios para a súa xestión e libre de peaxe, tal e como se comprometeu o Goberno [español] cos seus socios nacionalistas".

Comentarios