O BOE publica a licitación do estudo do tren Lugo-Compostela: o Goberno español recibirá ofertas até o 30 de setembro

Segundo o texto da Dirección Xeral do Sector Ferroviario, o valor estimado polo que sae a licitación será 420.000 euros e o contrato, unha vez adxudicado, terá unha duración de 18 meses.
Trens de Renfe na estación de Santiago de Compostela. (Foto: César Arxina / Europa Press)
photo_camera Trens de Renfe na estación de Santiago de Compostela. (Foto: César Arxina / Europa Press)

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou esta cuarta feira o anuncio do Ministerio español de Transportes e Mobilidade Sostíbel coa licitación do estudo de viabilidade para a conexión ferroviaria entre Lugo e Compostela. Así, o prazo de presentación de ofertas permanecerá aberto até as 15 horas do 30 de setembro.

Segundo o texto da Dirección Xeral do Sector Ferroviario, o valor estimado polo que sae a licitación será 420.000 euros e o contrato, unha vez adxudicado, terá unha duración de 18 meses. As ofertas remitiranse tanto de forma telemática como por correo postal á Plataforma de Contratación do Sector Público e teranse en conta a experiencia do autor do estudo, as condicións económicas e a súa calidade técnica.

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostíbel anunciaba a segunda feira a licitación deste estudo de viabilidade para a conexión ferroviaria directa entre as cidades de Lugo e Compostela a través dunha nova variante entre a liña León-A Coruña e o Eixo Atlántico de Alta Velocidade.

O obxectivo do estudo será, segundo explicou o Ministerio, definir un novo trazado capaz de "renovar e modernizar" a conexión ferroviaria entre Lugo, a capital da Galiza e as principais cidades da cornixa atlántica.

Fases do estudo

Constará de dúas fases. A primeira estará centrada en analizar a mobilidade no ámbito de Lugo para poder avaliar os fluxos de viaxeiros e viaxeiras, determinar as necesidades da poboación e estabelecer o nivel de demanda de novos servizos de transporte na cidade amurallada e a súa contorna de influencia.

Durante a segunda traballarase directamente na caracterización do trazado a través dunha nova variante entre a liña León-A Coruña e o Eixo Atlántico de Alta Velocidade á vez que se procederá a avaliar os traballos de acondicionamento necesarios na liña ferroviaria xa existente.

Finalmente, segundo precisou o Ministerio, analizarase a conveniencia das alternativas propostas en base a "un estudo de rendibilidade socieconómica" que tomará en consideración "a demanda e os tempos de viaxe previstos".

Comentarios