O PSdeG denuncia falta de prazas en residencias de maiores e acusa a Xunta de "priorizar" as privadas

Paloma Castro reclama ao Executivo galego a construción dunha residencia pública en Cambados (O Salnés).

A deputada do PSdeG no Parlamento galego Paloma Castro, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada do PSdeG no Parlamento galego Paloma Castro, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)

A deputada socialista no Parlamento galego Paloma Castro acusou a Xunta da Galiza de "priorizar" as residencias de maiores privadas "mentres a Galiza é a cuarta comunidade autónoma con menos prazas do Estado". Denunciou, tamén, que continúe "sen presentar o seu modelo de atención” ás persoas maiores.

Nun comunicado, Castro explica que presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamar ao Executivo galego a construción dunha residencia pública en Cambados (O Salnés), "a primeira” desta comarca.

A deputada do PSdeG advirte, ademais, que o "deixamento" da Xunta ao "renunciar" a construír unha residencia en cada unha das grandes cidades galegas débese a que a Consellaría de Política Social "está máis preocupada por protexer o negocio dunha empresa privada que de prestar un servizo público de calidade á cidadanía galega".

14% de prazas públicas

Ao mesmo tempo, Castro lembra que o Goberno galego "continúa a día de hoxe sen presentar un modelo de residencias públicas" e engade que "lamentabelmente está encantada con que a Galiza siga sendo a cuarta comunidade autónoma con menos prazas de residencias para maiores".

Neste sentido, apunta que "700.000 galegas e galegos, un de cada catro cidadáns, teñen máis de 65 anos, pero só hai prazas para o 2,84%, e só o 14% das 22.000 prazas son públicas".

Comentarios