Realizas vendas en plataformas de segunda man? Estes serán os novos requisitos de tributación

A directiva da UE DAC7 obriga os operadores de plataformas dixitais a informar sobre os e as vendedoras que realicen anualmente máis de 30 operacións de venda de bens cun importe superior a 2.000 euros.
Unha persoa empregando a aplicación Vinted. (Foto: Laurence Soulez)
photo_camera Unha persoa empregando a aplicación Vinted. (Foto: Laurence Soulez)

Para entender o proceso de tributación da venda de artigos de segunda man é imprescindíbel ter en conta que nestas plataformas existen dous tipos de vendedores e vendedoras: as particulares e as profesionais.

As vendedoras profesionais deben tributar nas mesmas condicións que calquera outro negocio, emitindo unha factura con imposto sobre o valor engadido (IVE) para cada artigo ao comprador ou compradora, e incluíndo estes ingresos na súa declaración da renda.

Con todo, no caso das persoas particulares que realizan este tipo de operacións, só se tributan polo imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) aquelas vendas que supoñen unha ganancia patrimonial, é dicir, nas que se venda un produto reempregado por un prezo superior ao que se adquiriu.

Neste caso, o vendedor deberá incluír na súa declaración da renda esta información no apartado 'Ganancias e perdas patrimoniais derivadas de transmisións doutros elementos patrimoniais', a partir da casa 1624 da declaración. A contribuínte deberá pagar entre o 19% e o 23% en función do beneficio obtido e de maneira gradual.

Normativa da UE

Con todo, coa entrada da nova normativa da Unión Europea (UE) que inflúe sobre este tipo de vendas, poderían haber cambios importantes na tributación por este tipo de operacións que se levan a cabo nunha morea de aplicacións existente para vendas de produtos de segunda man.

Unha delas, Wallapop, estima que ao redor dun 1% dos usuarios e das usuarias da súa aplicación son susceptíbeis de alcanzar os límites da directiva UE DAC7 que obriga os operadores de plataformas dixitais a informar sobre os e as vendedoras que realicen anualmente máis de 30 operacións de venda de bens cun importe superior a 2.000 euros.

Por iso, tanto a plataforma como a Asociación Española de Asesores Fiscais (Aedaf) reiterou a través dun comunicado unha mensaxe de tranquilidade aos seus usuarios e usuarias, pois a pesar da entrada en vigor desta nova directiva, a forma de tributar a venda de produtos reutilizados "non cambiou" para a maioría dos vendedores e vendedoras.

De acordo con Wallapop, a maioría dos máis de 19 millóns de usuarios e usuarias da plataforma non deberá tributar polas súas vendas, pois a plataforma estima que menos dun 1% será susceptíbel de alcanzar os límites de DAC7 nun ano tipo.

Ademais, tanto Aedaf como Wallapop coinciden en que non se debe ter medo a este proceso, pois, en xeral, as vendas de artigos de segunda man realizadas por particulares non deberán tributar polo IRPF, sempre que non se obteñan beneficios.

Comentarios