Traballo retira a Medalla ao Mérito ao ex presidente de Novacaixagalicia Julio Fernández Gayoso

O ex directivo de Novacaixagalicia, foi condenado pola cobranza indebida de indemnizacións por prexubilacións na cúpula da entidade bancaria. 

O ex presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, á dereita (Foto: duardo Parra / Europa Press).
photo_camera O ex presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, á dereita (Foto: duardo Parra / Europa Press).

O Consello de Ministras aprobou esta terza feira retirar as Medalla ao Mérito no Traballo ao ex presidente de Novacaixagalicia Julio Fernández Gayoso e ao ex presidente da Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE) Gerardo Díaz Ferrán, ambos os dous condenados pola Xustiza por diferentes delitos. A Medalla de Mérito ao Traballo na súa categoría de ouro foi concedida a Julio Fernández Gayoso en 2006, mentres que Díaz Ferrán foi distinguido en 1999.

O Ministerio de Traballo, que foi o que propuxo a retirada destas medallas, lembrou nun comunicado que esta condecoración concédese "en mérito dunha conduta socialmente útil e exemplar no desempeño dos deberes que impón o exercicio de calquera traballo, profesión ou servizo, habitualmente exercido". 

Julio Fernández Gayoso, ex directivo de Novacaixagalicia, foi condenado pola cobranza indebida de indemnizacións por prexubilacións na cúpula da entidade, "o que contradí o principio de exemplaridade que require o galardón", segundo apunta o Departamento que dirixe Yolanda Díaz.

Pola súa banda, o ex presidente da CEOE Gerardo Díaz Ferrán foi condenado en 2015 por un delito de alzamento de bens, concurso fraudulento, integración en grupo criminal e branqueo de capitais a cinco anos e seis meses de cárcere, unha condena que foi ratificada polo Tribunal Supremo en última instancia.

"Incompatíbel coa exemplaridade"

A Medalla ao Mérito no Traballo creouse en 1926, desapareceu durante a Segunda República, e volveuse a instaurar ao comezo da ditadura franquista por decreto do 14 de marzo de 1942. A súa regulación foi posteriormente substituída polo Decreto 1817/1960, do 21 de setembro.

Durante a Democracia mantívose dita condecoración, cuxo regulamento foi aprobado polo Real Decreto 711/1982, do 1 de marzo. Este foi derrogado polo Real Decreto 153/2022, do 22 de febreiro, polo que se aproba o regulamento da Medalla e a Placa ao Mérito no Traballo.

O artigo 10.1.a) desta última norma prevé que poida revogarse esta condecoración cando quede acreditado que a conduta e traxectoria da persoa ou entidade condecorada é incompatíbel coa exemplaridade cívica e profesional exixida para a obtención do galardón e, particularmente, cando quede acreditado que o beneficiario, antes ou despois da concesión, sexa declarado responsábel de actos constitutivos de delito ou infracción administrativa.

Comentarios