O avogado de Durov considera "absurdas" as acusacións de Francia, que lle prohibiu saír do país

Rusia demanda evitar unha "persecución política".

O ruso Pavel Durov (esquerda), fundador e director xeral de Telegram. (Foto: TechCrunch)
photo_camera O ruso Pavel Durov (esquerda), fundador e director xeral de Telegram. (Foto: TechCrunch)

É “absurdo dicir que unha plataforma ou o seu xefe son responsábeis de calquera abuso nela” cando “non lle atinxen directa ou indirectamente”, insistiu a quinta feira David-Olivier Kaminski, avogado que representa en Francia o fundador e director xeral de Telegram, o ruso Pavel Durov, e que remarcou que a aplicación de mensaxería respecta as leis da Unión Europea (UE).

Horas antes, un tribunal de instrución francés presentou cargos preliminares contra Durov ao expirar as 96 horas da detención policial, responsabilizándoo de non cooperar coas autoridades e de complicidade “na xestión dunha plataforma online para permitir transaccións ilícitas por parte dun grupo organizado”, amais de cargos relacionados con drogas e pornografía infantil.

Asemade, impúxolle unha fianza de 5 millóns de euros, prohibiulle saír de Francia e ordenou que se presente nunha comisaría dúas veces por semana.

O voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, salientou que “o principal aquí é que o que está a pasar en Francia non se converta nunha persecución política”.

Comentarios