Oceanía aproba crear unha Policía rexional entre a desconfianza dos socios da China

A rexión podería firmar no futuro un pacto de seguridade con Beijing, algo que Australia tiña o obxectivo de evitar coa iniciativa.

Os líder de Papúa Nova Guinea, James Marape; o de Palau, Surangel Whipps Jr.; o australiano, Anthony Albanese; o de Fidxi, Sitiveni Rabuka, e o líder de Tonga, Siaosi Sovaleni, a cuarta feira. (Foto: Goberno de Australia)
photo_camera Os líderes de Papúa Nova Guinea, James Marape; o de Palau, Surangel Whipps Jr.; o australiano, Anthony Albanese; o de Fidxi, Sitiveni Rabuka, e o líder de Tonga, Siaosi Sovaleni, a cuarta feira. (Foto: Goberno de Australia)

Rodeado polos seus homólogos de Fidxi, Palau, Papúa Nova Guinea e Tonga, o primeiro ministro australiano, Anthony Albanese, anunciou a cuarta feira que os integrantes do Foro das Illas do Pacífico, que inclúe todos os Estados do continente e catro territorios, apoiaron a creación dunha forza policial rexional financiada por Camberra.

A Iniciativa de Vixilancia do Pacífico, que estará dotada con 250 millóns de euros nun lustro, estabelecerá catro centros de formación policial no continente e un centro de coordinación en Brisbane, no leste de Australia. En paralelo, desenvolverase unha forza policial multinacional de arredor de 200 oficiais para despregarse en “grandes acontecementos ou momentos de crise”.

Albanese fixo énfase en que “isto demostra como os líderes do Pacífico están a traballar xuntos para dar forma ao futuro que queremos ver”, e o primeiro ministro de Tonga, Hu'akavameiliku Siaosi Sovaleni, afirmou que permitirá afrontar “unha serie de desafíos de seguridade transnacional” e problemáticas incipientes como a do crime organizado ou o aumento do tráfico de drogas.

Á vez, Sitiveni Rabuka, primeiro ministro fidxiano, indicou que o “resto do mundo” está a “pór no punto de mira a nosa rexión”, polo que impulsar unha forza de seguridade conxunta era unha responsabilidade do continente.

O certo é que a prensa occidental interpretou amplamente a iniciativa como un movemento australiano para “intentar impedir que a China amplíe o seu papel de seguridade na rexión”, publicou a axencia Reuters. En termos case idénticos se pronunciaron as canles France24 e Deutsche Welle, e o xornal The Guardian incidiu en que a proposta superou “as preocupacións de último minuto” sobre se era unha “xogada xeopolítica para excluír a China”. En Australia, The Sydney Morning Herald cualificouno como un “pacto policial para contrarrestar” Beijing e unha “vitoria diplomática” para o país.

Ao longo da xuntanza de líderes de membros do foro, que comezou a segunda feira e se clausura mañá en Tonga, Charlot Salwai, primeiro ministro de Vanuatu, advertiu de que se debería garantir que o plan estivese “formulado para axustarse aos nosos propósitos e non desenvolto para adaptarse aos intereses xeoestratéxicos e ás posturas de negación da seguridade xeoestratéxica dos nosos grandes socios”. Esta última terminoloxía refírese á exclusión da China após reiterar Camberra a súa preocupación polos acordos de seguridade entre Beijing e Estados do Pacífico.

Leonard Louma, o director xeral do Grupo de Avanzada de Melanesia, que conforman ademais de Vanuatu as Illas Salomón, Papúa Nova Guinea e Fidxi, reiterou as inquedanzas de Vanuatu, da mesma maneira que a representación das Illas Salomón.

Sexa como for, o pacto detalla que cada territorio decidirá individualmente se se une á nova forza policial e se participa na iniciativa global, e Sovaleni remarcou que elixirán “como contribuír e beneficiarse”.

Ademais, Colin Beck, un alto funcionario do Ministerio de Asuntos Exteriores das Illas Salomón, destacou que “temos un proceso nacional no que debemos somerxernos”, sinalando que “estamos a revisar a nosa estratexia de seguridade nacional” e que “o asunto continúa, o foro aínda non rematou”.

En 2022 a China asinou coas Illas Salomón un acordo de seguridade que levou ao desprazamento dun pequeno continxente policial chinés, e a comezos deste ano iniciou o envío de asesores policiais a Kiribati, ante o que os Estados Unidos reaccionaron trasladando o temor a que estes pactos deriven nunha presenza militar permanente.

Porén, e máis alá das cifras totais de bases militares instaladas no estranxeiro (128 dos estadounidenses por catro dos chineses), Beijing non posúe ningunha en Oceanía, namentres Washington conta coa de Australia e a Illas Marshall, así como as localizadas en Guam ou Hawai, formalmente territorio estadounidense. Tamén Francia usou as súas colonias para instalar bases militares, como a de Nova Caledonia ou a Polinesia francesa, integradas no foro.

Con todo, é máis aló de que Francia é membro da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), a alianza militar controlada polos Estados Unidos, os lazos entre o país americano e Australia, un dos poucos países do continente no que a descendencia dos colonizadores europeos supera en número a poboación aborixe após case que acabar con ela, son moito máis estreitos, como proba a conformación de Aukus, acrónimo conformado cos nomes en inglés de Australia, o Reino Unido e os Estados Unidos.

Este pacto, tamén orientado a frear a expansión da influencia chinesa na rexión, que compite coa hexemonía estadounidense, inclúe entregar a Australia submarinos de propulsión nuclear e está centrado no ámbito militar.

O voceiro do Ministerio de Relacións Exteriores chinés, Lin Jian, celebrou “os esforzos de todas as partes para o desenvolvemento e a prosperidade dos países insulares do Pacífico” e asegurou que as relacións “en materia de policía, aplicación da lei e outros campos é unha cooperación normal entre países soberanos” e “non está dirixida nin restrinxida por ningún terceiro”.

Camberra fica sen veto

En última instancia, a iniciativa policial non impide que os Estados membros asinen no futuro acordos de seguridade bilaterais coa China, pero Australia agarda que axude a impedir que Beijing busque un acordo de seguridade a nivel rexional, explica Mihai Sora, director do Programa das Illas do Pacífico do Lowy Institute e ex diplomático, que afirmou que o obxectivo da iniciativa é “fechar eses baleiros na vixilancia policial aos que a China aparenta estar a dar unha resposta”.

Estes termos son moi diferentes dos enunciados con anterioridade pola prensa australiana, que subliñara que o acordo abriría a porta a “un poder de veto significativo [por parte de Camberra] sobre calquera acordo de seguridade futuro” entre a China e as illas do Pacífico.

A China rubricou en 2022 con 10 Estados insulares do Pacífico un pacto de cooperación en áreas como a agricultura e os desastres naturais, mais non logrou incluír como aspiraba un pacto de seguridade cuestionado principalmente polos Estados Federados de Micronesia, país libre asociado con Washington, responsábel da súa defensa.

Acordos con todas as partes

A estratexia diplomática da maioría dos Estados oceánicos pasa por manter relacións en igualdade de condicións con todas as potencias máis alá da loita pola hexemonía na área entre a China e os Estados Unidos. Un caso paradoxal é o de Papúa Nova Guinea, que asinou o ano pasado un acordo de seguridade con Washington e se dispuña en maio a firmar un pacto policial coa China antes de que Australia presionara e ofrecera un compromiso millonario para asumir ese papel.

Comentarios