A esquerda sairá á rúa o 7 de setembro contra Macron por non designar Castets primeira ministra

Onte comezou en Francia unha segunda rolda de conversas do presidente Emmanuel Macron cos grupos parlamentarios na que non estarán as forzas progresistas, que censuran a negativa do presidente a encargarlles a formación de Goberno malia seren a primeira forza.

Lucie Castets (no centro) con líderes da NFP a semana pasada, na primeira rolda de conversas de Macron. Detrás dela están Marine Tondelier (Os Verdes), Manuel Bompard (LFI), Olivier Faure (PS) e Fabien Roussel (PCF). (Foto: Luc Nobout / Europa Press / Contacto)
photo_camera Lucie Castets (no centro) con líderes da NFP a semana pasada, na primeira rolda de conversas de Macron. Detrás dela están Marine Tondelier (Os Verdes), Manuel Bompard (LFI), Olivier Faure (PS) e Fabien Roussel (PCF). (Foto: Luc Nobout / Europa Press / Contacto)

Emmanuel Macron, o mandatario francés, quere “ser presidente, primeiro ministro e líder do partido [Renacemento] ao mesmo tempo”, e as “institucións non poden funcionar así”, denunciou a terza feira a candidata a primeira ministra da progresista Nova Fronte Popular (NFP), Lucie Castets, incidindo en que a súa decisión “non se corresponde en absoluto coa lóxica das institucións e a lóxica democrática”.

Castets aludía ao comunicado emitido poucas horas antes polo mandatario conservador liberal, no que descartou após unha rolda de conversas coas formacións políticas con representación designala como primeira ministra insistindo en que suporía unha ameaza para a “estabilidade institucional” posto que o Executivo “sería inmediatamente censurado por todos os demais grupos representados na Asemblea Nacional”.

“O presidente non pode compor o Goberno dos seus soños”, indicou Castets, que detallou que Macron ten que “nomear unha primeira ministra do grupo que ten maioría na Asemblea Nacional, e logo que este grupo vaia buscar acordos con outros, así é como funciona a democracia”, debullando que “o risco de censura está ligado ao xogo democrático” e apuntando que a democracia francesa está “nun estado preocupante”.

Malia os reportes de que Macron pretendía nomear a terza feira unha persoa para o posto en substitución de Gabriel Attal -o seu correlixionario, que bateu a fin de semana o récord de interinidade dun primeiro ministro-, optou por desenvolver unha nova rolda de conversas á que non foron convidadas nin a Francia Insubmisa (LFI), integrada na NFP, nin a extrema dereita da Reagrupación Nacional (RN) e o seu aliado, Éric Ciotti, presidente da conservadora Os Republicanos (LR) -cando menos sobre o papel, tras os enfrontamentos internos pola alianza coa RN-.

Sexa como for, Castets aclarou que “non volveremos ao [Palacio do] Elisio se non se trata de discutir as modalidades de convivencia [gobernamental]”, “en caso contrario xa dixemos todo”, asegurou, unha posición que reafirmaron de forma individual os partidos da NFP.

Pola súa parte, o líder de facto da LFI, Jean-Luc Mélenchon, inculpou o presidente por crear unha “situación excepcionalmente grave” e a secretaria xeral dos Verdes, Marine Tondelier, afirmou que a decisión é unha “irresponsabilidade democrática perigosa” e que Macron “non está a buscar unha solución, está tratando de obstruíla”.

Fabien Roussel, que encabeza o Partido Comunista Francés (PCF), cuestionou que se lles exixa para formar Goberno prolongar as políticas de Macron. O seu “problema é a esquerda” e o "voto" das francesas e franceses, remarcou o primeiro secretario do Partido Socialista (PS), Olivier Faure, que definiu a “democracia segundo Macron” como un xogo no que “cara gaño eu, cruz perden vostedes”.

Como advertira con anterioridade, Melenchon anunciou que a LFI lanzará unha proceso de destitución contra Macron, que en última instancia necesitaría do apoio de dous terzos do lexislativo para prosperar, unha proposta criticada nun primeiro momento polas outras organizacións principais da NFP mais á que xa abriu a porta Tondelier, quen aseverou que “o pobo debe desfacerse de Macron polo ben da democracia”. A LFI tamén defendeu que calquera proposta para primeira ministra que non sexa a de Castets “será obxecto dunha moción de censura”.

No que si aparentaba existir concordancia é en elevar na rúa a presión contra o presidente, responsábel -en contra incluso dunha parte significativa da súa formación- da convocatoria electoral inmediatamente posterior ás eleccións ao Parlamento Europeo nas que se impuxo a ultradereita.

Após demandar Roussel unha “gran mobilización popular”, protestas “pacíficas” que avalou Tondelier e nas que se comprometeu a participar Faure -matizando que sen alentar o “caos”-, a LFI informou de que “se suma ao chamamento das organizacións xuvenís, da Unión Estudantil e da Unión de sindicatos de escolas secundarias” para manifestarse contra o “golpe” de Macron o 7 de setembro, facendo un chamamento a participar ás “forzas políticas, sindicais e asociativas comprometidas coa defensa da democracia”.

Ciotti contestou á convocatoria cualificándoa de “inaceptábel golpe de forza” e instando a NFP a cesar o “golpe de Estado permanente”. Con todo, o maior golpe á unidade da protesta procedeu do PS, no que o seu voceiro, Pierre Jouvet, afirmou que “non estamos convocando a xente a saír á rúa neste momento” e que a urxencia nesta fase está na “discusión política”, subliñando á vez que apoiarán "as mobilizacións da sociedade civil".

Tras a segunda volta das eleccións lexislativas o pasado 7 de xullo e a conformación dos grupos parlamentarios, a NFP ficou con 193 asentos dos 577 da Cámara Baixa -a LFI é quen ten unha maior representación con 72-, seguida polos 166 de Xuntos pola República, a coalición de Macron, e os seus aliados, e os 142 da alianza entre RN e Á dereita!, o grupo de Ciotti, con 126 e 16 respectivamente.

Ademais, Os Republicanos contan con 47 parlamentarias e parlamentarios e Liberdades, Independentes, Ultramar e Territorios (LIOT), un grupo no que se integran algunhas forzas soberanistas e que vota maioritariamente a favor das propostas de Macron, con 22. Aliás, os 7 postos restantes corresponden a deputadas e deputados non inscritos en ningún grupo parlamentario.

A maioría que busca Macron depende da ruptura da Nova Fronte Popular

O presidente francés, Emmanuel Macron, “quería fracturar a NFP, illando LFI, pero talvez estea a suceder o contrario”, indicou a terza feira o xornal Le Monde. A estratexia de Macron na primeira rolda de consultas cinguiuse á súa narrativa de campaña, equiparar a ultradereita coa progresista LFI, polo que os seus aliados reiteraron que apoiarían unha moción de censura a un Executivo coa forza de Mélenchon. Porén, o líder progresista rachou coa xustificación que buscaba asentar o mandatario para rexeitar a designación de Lucie Castets ao ofrecer que LFI non entraría no Goberno, que apoiaría desde fóra, a cambio da aplicación do programa político da coalición. 

As accións de Macron son coherentes cun dos escenarios máis plausíbeis presentados pola prensa local, que se trate dunha tentativa de rachar a NFP e lograr o apoio do PS, PCF e os Verdes para garantir a maioría para un Goberno técnico que vaia até a dereita, coa extrema dereita excluída. Nesta situación, mantivo o deputado da RN Sébastien Chenu, poderían colaborar co Executivo.

Esta posibilidade, despois de que Macron demandara “cooperar con outras forzas políticas” aos partidos da NFP agás LFI, foi abordada polo titular de Interior, Gérald Darmanin, que mencionou o ex PS Bernard Cazeneuve como posíbel primeiro ministro, un cargo que xa ocupou con François Hollande (PS) na Presidencia antes de saír da formación polo pacto coa LFI en 2022.

Hai unha importante división no PS, co sector máis á dereita, que case leva á desaparición o partido, fomentando tamén Karim Bouamrane, alcalde na periferia de París.

Comentarios