A ALBA felicita Maduro e condena os plans de desestabilización do exterior

González non asiste á segunda citación da Fiscalía.
Nicolás Maduro. (Foto: Jeampier Arguinzones / DPA vía Europa Press)
photo_camera Nicolás Maduro. (Foto: Jeampier Arguinzones / DPA vía Europa Press)

Os dez Estados americanos que integran a Alianza Bolivariana para os Pobos da Nosa América-Tratado de Comercio dos Pobos (ALBA-TCP) exixiron “á comunidade internacional que respecte a soberanía, a autodeterminación e a vontade democrática do pobo venezolano”, lamentando que “algúns Gobernos” cuestionen os resultados electorais das presidenciais do 28 de xullo, nas que segundo os resultados transmitidos polo Consello Nacional Electoral (CNE) e validados polo Tribunal Supremo de Xustiza se impuxo o actual presidente, o progresista Nicolás Maduro, recolleron a terza feira medios internacionais.

No documento final da XI Cimeira Extraordinaria de Xefes de Estado e de Goberno da organización -na que o único líder que non estivo presente foi o primeiro ministro de Antiga e Barbuda, Gaston Brown-, que se desenvolveu de forma virtual, felicitaron Maduro e trasladaron que América Latina e o Caribe é unha área de paz, polo que reclaman “o cumprimento estrito da obriga de non intervir, directa ou indirectamente, nos asuntos internos de ningún outro Estado”.

Nese sentido, a organización á que tamén pertence Venezuela, Cuba, Bolivia, Nicaragua, San Vicente e as Granadinas, Granada, Dominica, Saint Kitts e Nevis e Santa Lucía denunciou “o descoñecemento dos resultados oficiais do proceso electoral por parte dun sector violento e fascista da oposición venezolana que pediu abertamente intervencionismo e máis sancións para o país”.

Tamén incidiu no repudio á “guerra comunicativa, chea de odio, intolerancia, discriminación e desprezo a través das redes sociais” para “promover a violencia, o vandalismo e a barbarie”, e condenaron “calquera golpe de Estado ou intento de golpe de Estado” e “os plans e accións desestabilizadoras promovidas por factores externos”.

Con anterioridade, a Arxentina, Chile, Costa Rica, o Ecuador, os Estados Unidos, Guatemala, Panamá, Paraguai, o Perú, a República Dominicana e o Uruguai asinaran un comunicado no que sosteñen que non aceptan como válidos os resultados oficiais.

No marco da investigación da Fiscalía venezolana sobre as supostas actas publicadas pola oposición, o candidato conservador Edmundo González non asistiu a terza feira por segunda xornada consecutiva á citación do Ministerio Público, na véspera das manifestacións convocadas por parte dos opositores para rexeitar a sentenza do Supremo.

A pesar da publicación destes documentos nunha web, a oposición negouse a presentalos como proba durante o proceso xudicial.

Comentarios