Francia prolonga a detención de Durov e decidirá esta cuarta feira se o acusa ou fica en liberdade

Zuckerberg denuncia presións para censurar da Casa Branca.
Pavel Durov nunha foto de arquivo. (Foto: TechCrunch).
photo_camera Pavel Durov nunha foto de arquivo. (Foto: TechCrunch).

A Fiscalía francesa comunicou a terza feira que un tribunal de instrución decidiu estender na noite da segunda a detención do director xeral de Telegram, o ruso Pavel Durov, polo que completará as 96 horas que a lexislación local outorga antes de determinar se se presentan cargos ou fica libre, e que expiran a cuarta.

A axencia AFP sinalou que un gardacostas e un asistente foron liberados. 48 horas após o arresto París confirmou a súa detención, indicando que se enmarca nunha investigación por complicidade en varios delitos.

Ademais, nunha carta dirixida ao Comité Xudicial da Cámara de Representantes estadounidense, o director executivo de Meta (propietaria de WhatsApp, Facebook e Instagram), Mark Zuckerberg, desvelou que a Casa Branca “presionou repetidamente” para censurar “certos contidos relacionados coa Covid-19, incluídos o humor e a sátira”, deixando entrever que cederon á presión, e afirmou que censuraron polas advertencias da Oficina Federal de Investigación (FBI) información sobre “acusacións de corrupción que involucraban” a familia do presidente Joe Biden.

Comentarios