Un problema na rede do Ministerio de Defensa neerlandés xera un colapso nas telecomunicacións

Afectados un aeroporto, os equipos de emerxencia ou a Policía.
Dick Schoof, primeiro ministro dos Países Baixos, e o presidente do Consello Europeo Charles Michel. (Foto: Jonas Roosens / Belga / DPA vía Europa Press)
photo_camera Dick Schoof, primeiro ministro dos Países Baixos, e o presidente do Consello Europeo Charles Michel. (Foto: Jonas Roosens / Belga / DPA vía Europa Press)

O aeroporto de Eindhoven, o segundo máis grande dos Países Baixos e que tamén se desempeña como aeródromo militar, tivo que suspender a cuarta feira boa parte dos seus voos.

Á vez, os sistemas de alarma e comunicación dos equipos de emerxencia ou da Policía víronse afectados, obrigándoos a comunicarse por teléfono e mensaxes de texto, e tamén a axencia responsábel da protección da fronteira ou a Garda Costeira reportaron erros informáticos.

A orixe deste colapso das telecomunicacións, que iniciou na madrugada, partiu dunha interrupción na rede do Ministerio de Defensa, confirmou o Executivo, detallando que esta rede tamén é utilizada por “outras partes do Goberno”.

Pola tarde, o Ministerio de Defensa comunicou que tiña “unha idea” do que acontecera, matizando que aínda non podía confirmar o motivo da falla e destacando que “cada vez se están a restaurar máis sistemas afectados”. Asemade, indicou que “nestes momentos non hai indicios” de que se tratara dunha sabotaxe, mais non o descartou.

A empresa de telefonía KPN tamén informou dunha importante interrupción no seu servizo para móbiles, mais asegurou que non podía corroborar se estaba relacionada coa problemática derivada das redes do Ministerio de Defensa.

Pola contra, os centros hospitalarios, a entidade responsábel das cuestións tributarias ou o teléfono de emerxencias non informaron de interrupcións nos seus servizos.

Esta situación produciuse apenas un mes despois dunha interrupción a nivel mundial nos servizos de telecomunicación que afectou a bancos, medios de comunicación ou compañías aéreas.

Comentarios