A UE acorda non recoñecer a Maduro como presidente de Venezuela

O Goberno español pon sobre a mesa aplicar sancións a Venezuela, mais a proposta non é aceptada polos Estados da UE.
O presidente de Venezuela, o progresista Nicolás Maduro. (Foto: Presidencia de Venezuela / Europa Press / Contacto)
photo_camera O presidente de Venezuela, o progresista Nicolás Maduro. (Foto: Presidencia de Venezuela / Europa Press / Contacto)

A Unión Europea acordou esta quinta feira que non recoñecerá a lexitimidade do presidente venezolano, Nicolás Maduro, ante a falta de avances para que as autoridades electorais presenten as actas oficiais que poidan acreditar a súa vitoria, segundo explicaron as autoridades comunitarias.

Pola súa parte, o Goberno español tamén propuxo esta quinta feira nunha xuntanza comunitaria ao resto de Estados a opción de aplicar sancións contra Venezuela, punto que, con todo, non conta aínda coa unanimidade necesaria.

"Un mes despois non hai esperanza de que (o Consello Nacional Electoral) presente as actas. É demasiado tarde para seguir pedindo isto. Non hai actas nin verificación e lamentamos que non as haxa nunca", asegurou o Alto Representante da UE para Política Exterior, Josep Borrell, en rolda de prensa tras o encontro cos ministros e ministras do ramo tras a reunión informal decorrida en Bruxelas.

Neste sentido, afirmou que a UE non recoñecerá a lexitimidade de Maduro como presidente. "Non ten lexitimidade democrática como presidente. Seguirá como presidente de facto mais negamos a súa lexitimidade democrática ante uns resultados que non poden verificarse", engadiu o xefe da diplomacia da UE, tras indicar que a súa vitoria electoral "non foi probada" e a UE "non ten por que crelo".

"Non o consideramos como un presidente elixido democraticamente e en cada caso isto terá as súas consecuencias", asegurou Borrell, apuntando que a UE terá en todo caso que seguir relacionándose con Caracas, do mesmo modo que o fai con outros Estados aos que non recoñece o seu Goberno, como Nicaragua, que puxo como exemplo.

O Goberno español pide sancións

Ademais, na cita desta quinta feira, o Goberno español propuxo ao resto de socios comunitarios que a UE aplique sancións contra Venezuela, entre outras medidas, unha vez asume que as autoridades electorais non presentarán as actas oficiais, aínda que esta opción non logrou o consenso necesario para avanzar.

O ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, chegou á reunión informal de ministros e ministras de Exteriores da UE pedindo que os socios comunitarios estuden "ferramentas" para propiciar un diálogo interno entre o Goberno venezolano e a oposición.

A iniciativa do Estado español non recibiu tampouco un grande apoio por parte do Alto Representante, que subliñou que a UE xa mantén sancións contra medio centenar de dirixentes venezolanos. "Chegamos case até a cúpula máis alta. Maduro non está na lista, tampouco Jorge Rodríguez e poucos máis. Máis sancións implicaría ir contra os máximos responsábeis e quedan dous ou tres que non estean xa sancionados", explicou.

Neste sentido, Borrell indicou que os Estados da UE prefiren esperar a ver como se suceden os acontecementos e esperar por se o Goberno venezolano busca algún tipo de negociación. Igualmente, fontes de Exteriores sinalan que se suscitou o debate no seo da UE sobre recoñecer a Edmundo González como gañador das eleccións, algo que o bloque xa suxeriu nalgún dos seus comunicados, aínda que esta formulación tampouco cultivou o consenso necesario entre os Estados do bloque.

Comentarios