ONG acusan a UE de dobre vara de medir tras o naufraxio do 'Bayesian'

Hai naufraxios de migrantes nos que as autoridades non actúan.
Un grupo de persoas migrantes pide axuda ao ser atopado no mar Mediterráneo a mediados 
de marzo. (Foto: Simone Boccaccio / Europa Press)
photo_camera Un grupo de persoas migrantes pide axuda ao ser atopado no mar Mediterráneo a mediados de marzo. (Foto: Simone Boccaccio / Europa Press)

“Os esforzos para salvar vidas non deben depender da cor da pel dunha persoa ou do tamaño da carteira”, resolveu a ONG Sea Watch, dedicada a rescatar persoas migrantes no mar Mediterráneo, mais “nos medios, na nosa sociedade e na política fai unha diferenza saber quen se está a afogar”, incidiu Sea-Eye, que participa nos rescates, ao xornal The Guardian, no que varias entidades non gobernamentais criticaron a quinta feira a dobre vara de medir da Unión Europea (UE) pola diferenza nas accións para rescatar migrantes e o operativo desenvolto tras o naufraxio do iate Bayesian.

Neste último caso, e unha vez que se confirmou que había millonarios a bordo, os medios de comunicación occidentais multiplicaron a súa cobertura e ao lugar foron desprazados buzos especializados en covas axudados por un vehículo submarino non tripulado, cando hai naufraxios de migrantes nos que non se fai ningún “esforzo de rescate”, indicou Sea Watch.

"Moito traballo"

“Este non é o tipo de sociedade á que quero pertencer”, sostivo Òscar Camps, de Open Arms, que criticou a diverxencia entre os recursos dedicados nun ou noutro caso, apuntando cara a cuestións como a recuperación de cadáveres, algo que as autoridades non queren facer posto que “lles supón moito traballo, teñen que identificalos, tomar mostras de ADN, soterralos”.

Desde 2014 máis de 30.000 persoas migrantes faleceron ou desapareceron no mar Mediterráneo tratando de chegar a Europa.

Unha estratexia inconsistente

Luca Casarino, de Mediterranea Saving Humans, asegurou que “non está mal intervir para salvar persoas ricas a bordo de iates ou a turistas, o que está mal é a inconsistencia na aplicación destas estratexias” cando se trata de migrantes.

Comentarios