Sagrario Martínez asumirá a Tenencia de Alcaldía de Cangas que deixou Malvido e Eugenio González entra como edil do PSdeG

Así se acordou nunha reunión da Executiva do PSdeG-PSOE municipal decorrida na tarde desta quinta feira, segundo confirmaron fontes alí presentes. 
A socialista Sagrario Martínez. (Foto: Concello de Cangas)
photo_camera A socialista Sagrario Martínez. (Foto: Concello de Cangas)

A actual edil de Deportes de Cangas (O Morrazo), Sagrario Martínez, asumirá a Tenencia de Alcaldía e a Concellaría de Obras que deixou a socialista Iria Malvido ao dimitir da súa acta esta quinta feira, despois de que a terza feira de madrugada fose interceptada ao volante cunha taxa de alcoholemia superior ao limiar para considerarse delito.

Así se acordou nunha reunión da Executiva do PSdeG-PSOE municipal decorrida na tarde desta quinta feira, segundo confirmaron fontes alí presentes. Neste encontro tamén se ratificou a entrada na Corporación local de Eugenio González, o secretario dos socialistas cangueses e que figuraba como o seguinte na lista.

Sagrario Martínez xa conta con experiencia como 'número dous' do Goberno local. De feito, durante o anterior mandato (2019-2023), asumira as funcións de alcaldesa accidental ao falecer, en xaneiro de 2021, o entón rexedor, Xosé Manuel Pazos, de Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE).

Agora, a pesar de que hai días -antes do episodio de Malvido- especulábase coa súa saída do Goberno, Martínez será a tenenta da actual alcaldesa, Araceli Xestido, do BNG, e ocuparase das áreas de Obras, Servizos e Mobilidade. Eugenio González, pola súa parte, estará á fronte da Concellaría de Deportes, departamento que xa dirixiu no anterior mandato.

Estes movementos prodúcense despois da dimisión de Malvido, que foi a candidata do PSdeG-PSOE á Alcaldía e logrou conformar un goberno tripartito capitaneado polo BNG e no que tamén está Esquerda Unida.

A tenenta de alcaldesa saínte, da que a terza feira pola mañá transcendeu a súa alcoholemia positiva ao volante, anunciara primeiro a súa baixa do PSOE até que a Comisión de Ética de Ferraz decidise sobre o seu futuro.

Con todo, a cuarta feira pola tarde, o BNG local -que dirixe o Goberno da localidade- advertira que, se non era a formación socialistas a que a apartaban, sería a propia alcaldesa a que lle arrebataría as competencias no Goberno.

Finalmente, despois das presións e de manter unha reunión co secretario do PSdeG-PSOE de Pontevedra, David Regades, a propia Malvido anunciaba a cuarta feira pola noite que esta quinta feira deixaría a acta de concelleira, non sen antes pedir desculpas polo seu "terríbel erro".

Comentarios