Puente anuncia dúas novas reclamacións a Talgo polas avarías dos novos trens Avril

O ministro de Transporte afirma que a orixe das incidencias está “claramente localizada”.

Óscar Puente e Esther Peña, esta quinta feira, no Congreso dos Deputados. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera Óscar Puente e Esther Peña, esta quinta feira, no Congreso dos Deputados. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

O ministro de Transportes e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente, anunciou que se están estudando dúas novas reclamacións a Talgo para pedir unha compensación polos danos e prexuízos que as avarías dos novos trens Avril (S106) causaron a Renfe. Nunha comparecencia no Congreso dos Deputados convocada a petición propia, Puente explicou que unha das razóns do incremento das incidencias na rede ferroviaria este verán foi a posta en circulación destes trens, entregados o pasado mes de maio.

Mentres que a puntualidade media dos servizos comerciais de Renfe atópase en arredor do 76%, a destes trens caeu na primeira semana de agosto por baixo do 50%, principalmente nos de rodadura desprazábel (os que poden ir por varios anchos de vía). Un 57% destes problemas están relacionados co material motor, é dicir, coa unidade motriz, polo que Puente defendeu que a orixe das incidencias está "claramente localizada", fronte ao "suposto caos" ao que di que apuntou a oposición.

Durante estes meses, até a metade dos novos trens tiveron que ser inmobilizados. Con todo, Puente asegurou que Talgo reaccionou positivamente —"como se debía esperar dunha empresa tan importante", engadiu—, o que permitiu que actualmente 21 dos 22 trens entregados estean en servizo. "Puxemos en marcha medidas inmediatas para reverter esta situación. E de igual forma, dispúxose que Talgo teña persoal experto con acceso ás ferramentas de seguimento en liña", explicou.

Precisamente, esta semana, o Goberno decidiu vetar a compra de Talgo por parte do grupo húngaro Magyar Vagon aludindo a razóns de "seguridade estatal e orde pública", aínda que clasificou o expediente como reservado.

Fronte a estas avarías, Óscar Puente sinalou que, "como non podía ser doutra maneira", iniciáronse xa dúas accións de reclamación de danos e prexuízos, que se atopan en fase de estudo e á espera de solicitar os datos necesarios.Esta reclamación súmase á que xa hai en curso contra Talgo por máis de 167 millóns de euros polo atraso de máis de dous anos na entrega dos trens Avril, o que afectou á oferta que se podía prestar en territorios como a Galiza ou Asturias.

Comentarios