MÁIS

As doces pozas dos ríos da Galiza

Galiza é terra de grandes e pequenos ríos, que bañan a paisaxe autóctona coas súas doces e cristalinas augas mentres forman zonas naturais nas que mergullarse durante o verán. Nós Diario achega unha selección das mellores pozas ao longo da xeografía do país nas que esquecerse das altas temperaturas e gozar da natureza.
As pozas de Vilameá (Lobios), Loureza (Oia), Melón e A Noveira (Mazaricos) son das máis coñecidas da Galiza. (Fotos: Saray Vila, Concello de Oia, Alberte Mera, Xunta da Galiza)
photo_camera As pozas de Vilameá (Lobios), Loureza (Oia), Melón e A Noveira (Mazaricos) son das máis coñecidas da Galiza. (Fotos: Saray Vila, Concello de Oia, Alberte Mera, Xunta da Galiza)

En palabras de Álvaro Cunqueiro, Galiza é a terra dos mil ríos. Non é de estrañar que o célebre escritor de Xente de aquí e de acolá nomeara a súa terra desta forma, xa que só hai que observar un pouco a abundante hidrografía do país. Así e todo, as súas palabras quedáronse curtas, posto que Galiza conta con perto de 10.000 ríos e regatos que decorren por toda a xeografía. A maioría deles non son navegábeis por mor do seu escaso caudal. Os da vertente cantábrica son máis curtos que os da atlántica, aínda que a diferenza non é moi grande. 

Ninguén dixo que para ser a terra dos 10.000 ríos estes tivesen que ser moi longos. A excepción son o Miño e o seu afluente máis coñecido, o Sil. A orografía da Galiza permite a creación de incríbeis saltos de auga, sendo a fervenza do Toxa en Silleda (O Deza) a máis grande, con setenta metros de altura.

Outro dos elementos máis comúns no curso dos ríos galegos son as pozas, zonas nas que o leito fluvial é máis fondo, creando así estas zonas naturais ideais para o baño. Son de formación xeolóxica, case sempre sen intervención humana, e algunhas delas aparecen de forma puntual por mor da fluidez do río. Gañaron fama nos últimos anos como espazo de ocio no medio da natureza. Con todo, a excesiva chegada de visitantes está pondo en perigo a biodiversidade vexetal e animal destas masas acuáticas. Moitas pozas non contan con protección por parte das institucións e o seu emprego intensivo acaba degradando a súa contorna e biodiversidade, acelerando a súa desaparición ou inclusive a contaminación das augas. 

Nós Diario achega unha guía con algunhas das mellores pozas da Galiza para amosar a riqueza da natureza do país e promover un emprego da contorna sostíbel e respectuoso. O mantemento das masas de augas e os bosques que as rodean vai por diante do lecer.

As pozas de Lobios, Oia, Mazaricos e Melón son espazos únicos para mergullarse en frías auas entre as árbores autóctonas do país

Augas da raia seca

A Baixa Limia conta con múltiples pozas na maior parte dos ríos que a decorren. Polo Concello de Lobios, pasan o río Caldo e o Vilameá, dous dos máis propicios para mergullarse durante o verán. Este último nace nos cumios da serra do Xurés, Reserva da Biosfera Transfronteiriza con Portugal. 

Ao seu paso polo lugar de Vilameá, o río homónimo forma diferentes pozas e fervenzas de gran beleza. Atópanse agochadas entre o arboredo, quizais buscando unha protección da pegada humana, e vólvense máis virxes e transparentes segundo se ascende nos cumios da serra. Existen diferentes roteiros circulares que seguen o curso do río, permitindo observar tamén os antigos muíños restaurados. 

A pegada do Cerves

Esquecendo a natureza da raia seca e subindo cara ás terras da denominación de orixe vinícola máis antiga da Galiza, está o río Cerves, afluente do Miño. Ao seu paso polo concello de Melón (O Ribeiro) as augas crean numerosas pozas e fervenzas desde o seu nacemento na serra de Faro de Avión. O conxunto principal fórmano tres pozas que coas fervenzas salvan un desnivel de 120 metros. No nivel máis baixo localízanse as de Codesás, sendo así as de máis doado acceso. Subindo polo cumio atópanse as das Mestas e, por último, as de Tourón. As pozas son espectaculares durante todo o ano, pero alcanzan o seu punto álxido de visitas durante os meses do verán. Ao localizarse entre as árbores, que aportan sombra e manteñen as augas frescas, as pozas de Melón convértense nun dos espazos preferidos da veciñanza do Ribeiro. 

Augas da raia mollada

Volvendo á fronteira con Portugal, as rochas e a dureza do terreo da serra da Groba obrigan a que os diversos ríos e regatos da contorna eviten certos obstáculos formando como consecuencia fervenzas e pozas. No concello de Oia (O Baixo Miño) atópanse as de Mougás e Loureza, as máis coñecidas do lugar.

As primeiras beben do regato das Pías, tamén coñecido como do Foxo, Peiteal ou de Mougás. Algunha das súas pozas son de carácter artificial, contando cunha zona recreativa perto. O camiño até elas non é sinxelo, posto que está cheo de esvaradías rochas, pero sen dúbida merece a pena para mergullarse en tan cristalinas augas. Forma parte da Ruta Máxica de Oia, que atravesa zonas do concello cheas de petróglifos, castros e espazos de gran interese ambiental. 

As de Loureza empregan as augas do río Tamuxe ao seu paso pola parroquia homónima. Cero intervención humana nestas pozas de frías augas a base de rochas graníticas. 

A poza da traxedia

O río Muíños pasa pola parroquia de Domaio, en Moaña (O Morrazo), creando un encoro natural que desemboca nunha fervenza e na poza da Moura. Aínda que é unha masa acuática pequena, as súas transparentes augas están aderezadas cunha lenda do lugar. 
Cóntase que perto da poza vivía unha moura que namorou perdidamente dun campesiño. Seu pai non aprobaba o romance e decidiu matalo perto das augas para rematar coa relación. Ante estes feitos, a moura saltou á poza e desapareceu nela buscando reunirse co mozo. Dise que nas noites de San Xoán volve para peitear os seus cabelos mentres se laia esperando o seu amado. 

A mestura do Arcos e do Xallas

A construción do encoro de Santa Uxía cambiou o percorrido dos ríos Arcos e Xallas, retendo as súas augas baixo os muros dunha mesma presa e asolagando parte dos territorios e as súas historias. A mestura de ambos leitos creou co tempo saltos de auga que forman a súa vez un roteiro a través de cinco fervenzas principais: Santa Leocadia, Vioxo, Firvado, Gosolfre e A Noveira.

As augas desta última crean unhas incríbeis pozas homónimas situadas na parroquia de Arcos, no concello de Mazaricos (Xallas). Son de fácil acceso, comezando o camiño cara a elas detrás dunha estación de tratamento de augas. Quince metros despois atópase unha ponte desde onde xa se escoitan correr as augas. Son dunha cor turquesa brillante que, xunto co fondo de granito rosa e o seu correr sinuosos polas rochas, ofrecen un espectáculo visual único na Galiza.

Comentarios