A mostra 'Instrumentos de visión' prorroga a súa estancia en Santiago

Máis de 30.000 persoas visitaron a mostra na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela.

A complexa visión do mundo que dá a ciencia é adaptada pola sociedade para moldear unha visión do mundo.
photo_camera A complexa visión do mundo que dá a ciencia é adaptada pola sociedade para moldear unha visión do mundo.

A exposición Instrumentos de Visión, do artista Armin Linke, amplía a súa estadía en Santiago de Compostela até o sábado 21 de setembro. O proxecto, froito da colaboración do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e Arts at CERN, conmemora, neste 2024, o 25º aniversario do IGFAE e os 70 anos da fundación da Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN).

A mostra, que xa suma máis de 30.000 visitas desde a súa inauguración, permanecerá aberta na Igrexa da Universidade en horario de martes a sábado, de 11 a 20 horas.

Instrumentos de Visión compila máis de 20 anos de traballo do fotógrafo e cineasta Armin Linke (Milán, 1966), a partir da observación das investigacións realizadas en grandes infraestruturas experimentais como o CERN, o Laboratori Nazionali di Gran Sasso (L’Aquila, Italia), ou o Institute for Quantum Optics and Quantum Information (IQOQI), de Innsbruck (Austria). Para esta ocasión, Armin Linke realizou unha serie de obras nas que se recolle o labor científico do persoal do IGFAE, presente nalgunha das máis importantes colaboracións científicas internacionais en física de partículas, como o experimento LHCb do CERN..

O proxecto está comisariado por Mónica Bello (Santiago de Compostela, 1973), directora de Arts at CERN, o programa de arte desta organización científica, e enmárcase na aposta realizada nos últimos anos polo ArtLab do IGFAE, co obxectivo de abrir novos espazos de conexión coa sociedade, e contribuír ao diálogo entre a arte contemporánea e as liñas de investigación do IGFAE.

Co gallo da ampliación da apertura da mostra, a Igrexa da Universidade acollerá novas actividades divulgativas.

Máis en CULTURA
Comentarios