Así será a novena edición de 'Amal en Ruta'

Esta edición está marcada polos últimos acontecementos no mundo árabe.
'O caftán azul' abriu o debate sobre a homosexualidade en Marrocos.
photo_camera 'O caftán azul' abriu o debate sobre a homosexualidade en Marrocos.

Esta terza feira presentouse en Pontevedra unha nova edición do ciclo Amal en Ruta, que terá lugar a próxima semana, do 2 ao 5 de setembro, no teatro Principal da cidade. O ciclo volve ser, na súa novena edición, a gran ponte cultural entre Oriente e Occidente. Consta de cinco longametraxes -catro ficcións e un documental-, que supoñen un percorrido polo mellor cine árabe da actualidade.

Esta edición está marcada polos últimos acontecementos no mundo árabe. Baixo o lema "Ninguén está a salvo", réndese homenaxe ás persoas falecidas na traxedia do terremoto de Marrocos, que sacudiu o país hai case un ano; da catástrofe da cidade libia de Derna, onde a auga arrasou con todo ao seu paso, incluídas infinidade de vidas humanas. Un mes máis tarde, en outubro de 2023, as bombas destruíron, e aínda continúan facéndoo a día de hoxe, os soños "do sempre esquecido” pobo de Palestina.

Os filmes que se poderán ver no Principal de Pontevedra comezan con Entre as figueiras, o 2 de setembro, da directora francotunesina Erige Sehiri, unha historia que se desenvolve no rural de Tunisia, onde conviven distintas xeracións divididas pola revolución de 2011.

Conspiración no Cairo (3 de setembro) do director sueco de orixe exipcia Tarik Saleh, unha longametraxe de ficción na que un estudante da universidade Al-Azhar de Exipto, centro de poder do Islam suní, acaba convertido nun peón das loitas de poder entre as elites relixiosas e políticas.

O home que vendeu a súa pel, (4 de setembro)da directora Kaouther Ben Hania, a historia dun mozo sirio que abandona o seu país e diríxese ao Líbano para escapar da guerra e reunirse en  Europa co amor da súa vida;

Pequena Palestina, diario dun asedio (5 de setembro), un documental do cineasta siriopalestino Abdallah Al-Khatib. O filme mostra a vida dos habitantes do distrito de Yarmouk, en Damasco, que acolleu o campo de refuxiados palestinos máis grande do mundo. Cando estalou a revolución siria, houbo intensos enfrontamentos entre o exército sirio e os rebeldes, xunto cos seus respectivos aliados palestinos. 

Finalmente, O caftán azul (6 de setembro) da directora marroquí Maryam Touzani. A cineasta enfronta, no filme, a homosexualidade en Marrocos, unha cuestión xuridicamente ilegal e aínda moi sensíbel nun país onde conviven modernidade e tradición.

Comentarios