Máis

A fin de verán máis salvaxe

O Wild Fest onde a música respecta á natureza.
Asistentes gozando dos múltiples atractivos do festival, celebrado en Oia, no concello de Vigo, na pasada edición. (Foto: The Wild Fest)
photo_camera Asistentes gozando dos múltiples atractivos do festival, celebrado en Oia, no concello de Vigo, na pasada edición. (Foto: The Wild Fest)

Na comarca de Vigo, en particular, na contorna forestal de Oia, rematarase a tempada estival da man do Wild Fest, entre o 30 e o 1 de setembro. Trátase dun festival diferente, cunha programación 360, interxeracional e maioritariamente gratuíta. Só o sábado será necesario mercar o bono a 25 euros e con esa achega monetaria, abriráselles ás persoas asistentes ao festival a oportunidade de participar de moitos eventos de maneira ininterrompida: cinema, mercado de artesanía, rocódromo infantil, premios (O Salvaxesons), obradoiros de danza ou  concertos.

A xeira comezará a sexta feira do día 30 de agosto ás 17.30 horas con dúas sesións de cinema ao aire libre nas que se emitirán distintos filmes co foco posto na natureza e procedentes dos mellores festivais cinematográficos de temática ecolóxica, medioambiental e activista e que se repetirá nos seguintes días con unha e dúas sesións, respectivamente.

Ademais, o Wild Fest conta con abondosa música, que inundará o parque desde as 19.30 horas até as 01 horas. Con todo, a actuación máis notábel terá lugar ás 00.45 horas do sábado, a do grupo Dakidarría, banda histórica do país con máis de 20 anos de bagaxe nos escenarios aínda que non quedará atrás o grupo MØURΔ co seu rock psicodélico.

Tampouco faltarán as actividades en contacto coa natureza como a andaina a través do parque, guiada pola Comunidade de Montes e cun percorrido de 6 km, na mañá do domingo ás 10 horas, ou a Orientaventura para probar as capacidades de orientación das familias. O festival eríxese como a oportunidade perfecta para mesturar troula, música en directo e conciencia ambiental, moi necesaria.

Comentarios