Malvido formaliza a súa dimisión como concelleira de Cangas e Eugenio González perfílase como novo edil do PSdeG

A até o de agora tenente de alcaldesa de Cangas deu positivo nunha proba de alcoholemia cun resultado que superou o límite penal.
A primeira tenente de alcaldesa de Cangas, Iria Malvido. (Foto: Concello de Cangas)
photo_camera A primeira tenente de alcaldesa de Cangas, Iria Malvido. (Foto: Concello de Cangas)

Iria Malvido formalizou este mediodía a súa renuncia ao cargo de concelleira no Concello de Cangas (O Morrazo) tras dar positivo nunha proba de alcoholemia cando ía ao volante do seu vehículo na madrugada da pasada terza feira, e o secretario xeral da agrupación socialista canguesa, Eugenio González, perfílase como nova incorporación ao grupo municipal do PSdeG.

Tras coñecerse que Malvido, que ostentaba até o de agora a Tenencia de Alcaldía e as áreas de Obras, Servizos e Mobilidade, deu positivo nunha proba de alcoholemia cun resultado que superou o límite penal, a propia edil fixo público un comunicado no que pediu desculpas polo seu "terríbel erro" e anunciou que pedía a baixa temporal como militante do PSdeG-PSOE.

Así mesmo, horas despois confirmaba a súa intención de renunciar á súa acta de concelleira, despois de que o BNG (que ostenta a Alcaldía de Cangas) advertise de que Malvido non podería seguir formando parte do Goberno local e lembrase que o pacto de goberno asinouse co PSdeG e non cunha concelleira concreta. De feito, o BNG instou a formación socialista a aclarar quen sería a persoa que asumiría as competencias de Malvido e advertiu de que, se non o facían, retiraríanselle esas competencias.

A medida non foi necesaria xa que, a última hora desta cuarta feira, fontes socialistas e a propia Iria Malvido confirmaban que formalizaría a súa renuncia, e así o fixo ao mediodía desta quinta feira no Concello. A edil realizou o trámite acompañada do secretario xeral local, Eugenio González, e da concelleira socialista, Sagrario Martínez.

Nun comunicado emitido nas últimas horas polo PSdeG-PSOE, Iria Malvido informou de que asumía a súa responsabilidade "sen escusas de ningún tipo", tras cometer "un grave erro" na súa "vida privada", e que o facía polo "profundo afecto" que ten a Cangas e ao seu partido.

Á espera dunha reunión da Executiva local do PSOE, que decorrerá a última hora desta quinta feira, varias fontes apuntan a que o secretario xeral local, que xa foi concelleiro (de Deportes) no anterior mandato municipal, entrará para volver facerse cargo desa área, e que Sagrario Martínez, até o de agora edil de Deportes, e que tamén foi concelleira no anterior Goberno, asumiría as áreas de Malvido.

O BNG cre que a dimisión é "o que esperaba todo o mundo"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considerou que a dimisión de Iria Malvido é o paso que "esperaba todo o mundo". A preguntas de xornalistas nunha comparecencia de prensa decorrida esta quinta feira en Compostela, Pontón incidiu en que os cargos públicos "deben ser exemplares" e, por tanto, non poden tolerarse comportamentos como o de Malvido, que deberá ir a xuízo por triplicar a taxa de alcoholemia.

Con todo, Pontón cre que este episodio que provocou a dimisión de Malvido como tenente de alcaldesa e tamén como edil do grupo socialista "non altera o bo funcionamento" do Goberno de Cangas. Por último, a líder do BNG non quixo entrar en consideracións sobre as decisións internas e a reorganización dentro do Goberno de Cangas, algo que, como subliñou, corresponde á rexedora.

Comentarios