O Pleno de Ferrol aproba, cos votos do PP, abandonar o Eixo Atlántico

A oposición cre negativa a saída do organismo que se creou en 1992.
José Manuel Rei Varela, alcalde de Ferrol, (Foto: Nós Diario)
photo_camera José Manuel Rei Varela, alcalde de Ferrol, (Foto: Nós Diario)

O pleno do Concello de Ferrol aprobou abandonar o organismo Eixo Atlántico ao estimar que non se cumpren os seus "principais obxectivos", segundo os argumentos do Goberno municipal que preside o popular José Manuel Rey Varela. O PP foi  a única forza política que votou a favor desta saída, mentres que os outros tres partidos con representación no Consistorio, BNG, PSdeG e FeC, deron o seu voto en contra.

Desde a oposición, Ángel Mato (PSOE) mostrou o seu rexeitamento a esta saída, lembrando que Ferrol foi un dos municipios fundadores, ademais de solicitar nova información que xustifique esta marcha. Tamén estimou que esta decisión o único que fai é "obedecer a instrucións internas do PP".

Desde o BNG, Iván Rivas, reclamou solucións para a cidade, como o illamento ferroviario que padece, e así pediu unha postura común para poder reverter esta situación, "sexa dentro ou fóra do Eixo Atlántico", 

Mentres, Jorge Suárez, portavoz de Ferrol en Común, valorou como "moi negativa esta saída tomada en solitario polo PP e que unha vez máis volve utilizar o rodete". Segundo Suárez, a saída foi motivada "por ordes directas do PP e que veñen tras unhas críticas persoais do seu xerente" ao proxecto de Altri. 

Concello fundador

Ferrol estivo entre os trece concellos da Galiza e o norte de Portugal que no ano 1992 acordaron fundar o Eixo Atlántico, un organismo supramunicipal e transfronteirizo que tiña como obxectivo, e ten, desenvolver programas de desenvolvemento conxuntos e de exercer de grupo de presión ante o que agora é a Unión Europea.

Comentarios