Israel amplía en Cisxordania o peor ataque en dúas décadas e xa usando "estándares de guerra"

Os campos de refuxiadas, obxectivos principais.
Un neno leva auga a cuarta feira ás persoas atrapadas no hospital de Xinin. (Foto: Nasser Ishtayeh / SOPA Images vía DPA vía Europa Press)
photo_camera Un neno leva auga a cuarta feira ás persoas atrapadas no hospital de Xinin. (Foto: Nasser Ishtayeh / SOPA Images vía DPA vía Europa Press)

Os 18 asasinatos perpetrados até a quinta feira por militares israelís desde o inicio da incursión masiva no norte de Cisxordania esta pasada cuarta feira converteron o ataque no máis mortífero contra o territorio palestino desde o comezo da agresión militar israelí contra Gaza en outubro, e xa era o máis importante polos múltiples lugares atacados en dúas décadas, asegurou a axencia WAFA.

Malia que a atención mediática está centrada no xenocidio e a limpeza étnica na Faixa denunciada por persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU), Israel incrementou en paralelo os ataques contra Cisxordania, onde arredor de 670 persoas foron asasinadas neste período.

Con todo, 2022 xa rematara como o ano con máis vítimas (171) desde a fin da Segunda Intifada en 2005, un dos factores que desencadearon a ofensiva da resistencia palestina do 7 de outubro de 2023, ano que rompeu esa marca con máis de medio millar de asasinatos, entre eles os dunhas 80 crianzas.

Neste contexto foi lanzada a operación sionista da cuarta feira, concentrada en varios campos de persoas refuxiadas creados tras a primeira limpeza étnica contra o pobo palestino perpetrada por Israel a raíz da súa fundación hai máis de sete décadas. A quinta as tropas israelís saíron da gobernación de Tubas, na que atacaron o campamento de refuxiadas de al Faara, no que mataron catro persoas e destruíron vivendas e infraestruturas civís.

Pola contra, prolongou a agresión nos departamentos de Xinin e Tulkarem. No primeiro o obxectivo foi a cidade -asediada- e o campo de refuxiadas homónimo. Ademais, o gobernador Kamal Abu al-Rub detallou que os sionistas están a destruír vehículos e propiedades, así como “arrasando rúas e infraestruturas”, e o director do hospital de Xinin, Wissam Bakr, indicou que os ocupantes obstaculizaron o traballo dos equipos médicos, bloquearon as entradas ao centro e instalaron barreiras nas rúas da contorna. No segundo, mantivo o asedio ao campamento de Nour Shams, bloqueando os accesos á vez que asaltaba vivendas, e ampliou a quinta o ataque ao campamento de Tulkarem. Todo isto mentres a resistencia palestina contraatacaba aos ocupantes con explosivos improvisados.

O certo é que esta situación non é nova para as palestinas e palestinos de Cisxordania, como tampouco os ataques reiterados de colonos israelís protexidos polo seu Exército, episodios nos que disparan á poboación e tratan de queimar cultivos ou vivendas incluso con persoas no seu interior, como aconteceu este mes en Jit, tamén no norte de Cisxordania, nunha casa na que se atopaba un bebé e unha persoa maior. Desde outubro de 2023 rexistráronse máis de 1.270 agresións de colonos, recollen os datos da ONU.

O obxectivo dos colonos é o mesmo que o do réxime de apartheid sionista, expulsar o pobo palestino de Cisxordania -e Gaza- e ocupar permanentemente as súas terras e localidades. Neste contexto Israel desenvolveu máis de 330 asentamentos para fragmentar e dividir as áreas poboadas por persoas palestinas, apropiándose delas ao tempo que impide unha continuidade territorial que permitiría no futuro o estabelecemento dun Estado palestino independente. Nestes asentamentos, que o Tribunal Internacional de Xustiza sentenciou como ilegais en xullo, viven 700.000 colonos israelís.

O principal aliado e provedor armamentístico israelí, os Estados Unidos, anunciaron sancións contra unha ONG relacionada co Goberno de ultradereita israelí e con ataques de colonos, amais de a tres membros do grupo. Malia estas medidas, que se estenderon ao longo do xenocidio, boa parte dos colonos israelís son estadounidenses, polo que non están afectados. En última instancia, Washington avala o xenocidio.

No tocante á incursión, o ex director de Human Rights Watch e profesor na Universidade de Princeton Kenneth Roth remarcou que Israel está a aplicar “estándares de guerra”, incluíndo bombardeos, contra Cisxordania, e na “guerra podes simplemente disparar aos combatentes do outro lado, non é preciso intentar capturalos”, polo que está a incumprir a súa responsabilidade como Estado ocupante.

Aínda que o seu “obxectivo declarado” é perseguir os combatentes da resistencia en “termos máis xerais isto é a continuación da guerra contra o pobo palestino e a posíbel expansión do asentamento”, debulla Adel Abdel Ghafar, do Consello de Asuntos Globais de Oriente Medio, e Diana Buttu, avogada palestina, detallou que após permitírselle “cometer un xenocidio durante case 11 meses con moi pouca condena por parte da comunidade internacional claro que van virar cara a Cisxordania” para “desfacerse de tantos palestinos como sexa posíbel”. “É aterrador ser palestino” sendo consciente de que “Israel pode facer o que queira e saírse coa súa”, asegurou antes de laiarse de que “ninguén está a protexer os palestinos”.

Asemade, o momento da incursión vincúlaa co ataque suicida en Tel Aviv do 19 de agosto, no que morreu o autor e un israelí resultou ferido. O ataque foi reivindicado por Hamás, que anunciou a volta das “operacións de martirio” en tanto “continúen os masacres da ocupación”. Desde 2016 non se informara dun ataque suicida dun membro de Hamás, estratexia usada sobre todo na Segunda Intifada.

A canle Al Jazeera afirmou que o ataque “semellou xerar preocupación” nos órganos de seguridade israelís por mor de que implica que os combatentes en Cisxordania “están a avanzar cara a accións máis ofensivas”, remarcou o analista Abdaljawad Omar, que desbotou as acusacións israelís de que Irán está detrás dos grupos da resistencia xurdidos nos últimos anos en Cisxordania, explicando que hai “moitos factores autónomos detrás” disto e definindo como periféricos como moito os vínculos con Tehran. Outro analista, Ori Goldberg, destacou que conectar Cisxordania coa Irán “libera Israel de todos os apuros”.

Novo ataque contra persoal humanitario

En Gaza, onde máis de 40.500 persoas foron asasinadas desde outubro por Israel, os militares sionistas dispararon contra dous vehículos do Programa Mundial de Alimentos da ONU perto dun punto de control sionista. Ambos ou dous estaban identificados e recibiran a súa autorización. Os membros do equipo sobreviviron ao estar blindado. A agresión levou á entidade a suspender até novo aviso os desprazamentos dos seus equipos, chaves para limitar as mortes pola fame masiva que causou Israel na Faixa, que se atopa á beira dunha epidemia de polio resultado do xenocidio.

Comentarios