Os Estados Unidos usan o seu papel de mediador en Gaza para impulsar os obxectivos israelís

Washington aspira a presentar o Executivo de Israel como disposto a aceptar unha tregua que bloqueou de forma repetida.

Familias palestinas despedíndose de crianzas asasinadas por Israel en Gaza a semana pasada. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press)
photo_camera Familias palestinas despedíndose de crianzas asasinadas por Israel en Gaza a semana pasada. (Foto: Omar Ashtawy / Zuma Press)

Hamás está “afastándose” do acordo para un alto o fogo en Gaza que implique un intercambio de persoas presas entre o Goberno de extrema dereita israelí e a organización palestina, que goberna a Faixa, subliñou na madrugada da terza feira o presidente dos Estados Unidos de América (EUA), Joe Biden, que incidiu en que Israel está disposto a “solucionalo”.

Pouco antes, o secretario de Estado, Antony Blinken, que se atopaba en Israel na súa novena visita desde o comezo da agresión militar sionista a Gaza, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) consideran un xenocidio e unha limpeza étnica, anunciara logo de reunirse co primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, que lle confirmou que acepta unha proposta de alto o fogo, instando Hamás a facer o mesmo. O anuncio efectuouse cando milleiros de persoas se preparaban para manifestarse en Chicago pola Convención Nacional Demócrata, co fin de exixir presión real a Israel para que acepte a tregua e un embargo de armas.

“Sen un alto o fogo total non aceptaremos ningún acordo”, asegurou rapidamente Taher Al Nono, asesor de prensa de Hamás, detallando que as declaracións de Blinken “son parte do nesgo cara á ocupación e encobren os seus crimes” e incidindo en que amais son “contrarias á verdade” posto que “Hamás aceptou o acordo” e “Netanyahu rexeitouno”. Nunha comunicación posterior, o grupo culpou Washington por “simplemente gañar tempo para que Israel continúe o seu xenocidio” e insistiu no seu anhelo de fechar un acordo, mais denunciando que o texto que supostamente Israel aceptou vai en contradición co marco de negociación pactado.

O certo é que despois da fin da tregua o 1 de decembro, que levou á liberación de 105 persoas detidas en Gaza -a maioría israelís- a cambio de 240 palestinas detidas en Israel, Hamás aceptou publicamente dúas propostas de alto o fogo que Israel boicoteou, unha decisión avalada polo seu principal aliado e provedor de armas, os Estados Unidos.

A primeira foi a comezos de maio. A contestación israelí foi lanzar unha invasión á cidade de Rafah, no sur de Gaza, rompendo o tratado bilateral con Exipto ao tomar o control do posto fronteirizo, un ataque que Biden chegou a definir como unha liña vermella. Sexa como for, aínda así Washington rexeitou premer o Executivo ultradereitista israelí a pesar de que un funcionario do país detallou á axencia Reuters que nin Netanyahu nin o seu Goberno “semellan ter abordado a última fase das negociacións de boa fe”, e de que un funcionario israelí ratificou ao xornal The Times of Israel que a versión sionista, que sostén que non aceptaron por cambios non pactados no documento, era mentira.

A forza palestina tamén aceptou a proposta de acordo de alto o fogo realizada por Biden o último día de maio, e que apoiou o Consello de Seguridade da ONU o 11 de xuño. Esta proposta proviña segundo Biden de Israel, algo cuestionado pola reacción israelí contra o texto.

Asasinatos selectivos e novas exixencias

Pola súa parte, Israel reaccionou ao longo dos máis de 10 meses de xenocidio aos avances no proceso de negociación, que en múltiples ocasións estivo perto de finalizar, cometendo masacres masivos contra civís en Gaza ou atacando as familias de altos cargos de Hamás. O asasinato de Ismail Haniyeh, ex líder de Hamás, en Tehran (Irán) por parte do réxime de apartheid produciuse tamén cando se ultimaba un acordo. Desta vez, un ataque israelí matou a terza feira 12 persoas nunha escola con 700 refuxiadas en Gaza.

En paralelo, Netanyahu foi elevando paulatinamente as súas exixencias tras cada avance para descarrilar o pacto, algo que corroboraron documentos aos que tivo acceso o xornal prosionista The New York Times, e até Biden deixou entrever que as decisións do primeiro ministro estaban determinadas pola súa loita para sobrevivir politicamente. Incluso o propio equipo negociador israelí nas conversas de paz acusou o primeiro ministro ultradereitista de estar a obstaculizar o entendemento.

Nese sentido, a prensa sionista publicou horas antes do anuncio de Blinken que o equipo negociador advertiu a Netanyahu que unha das súas últimas exixencias, a de manter soldados israelís na fronteira entre Gaza e Exipto malia un alto o fogo, faría imposíbel o pacto, o que non evitou que se ratificara nesa posición e comunicara ao Goberno que as “posibilidades [dun acordo] non son altas”.

Neste marco, e despois de que Irán alertara de que a única posibilidade de suspender as súas represalias a Israel polo asasinato de Haniyeh era que os sionistas aceptaran un alto o fogo, a semana pasada organizouse en Doha, a capital de Qatar, que canda Exipto e os Estados Unidos median nas negociacións, unha nova rolda de conversas á que Hamás declinou asistir, explicando que non eran necesarias novas negociacións e si que se implementara o acordado en roldas anteriores.

Isto foi aproveitado polos Estados Unidos, que deseñou unha proposta unilateral na que incluíu as exixencias israelís, como, amais do control da área fronteiriza, o mantemento das súas tropas nun corredor que separa o norte do sur de Gaza, modificacións no intercambio de persoas presas ou non vincular o acordo cun alto o fogo definitivo que free o xenocidio. Este é o texto que aceptou Netanyahu.

O movemento estadounidense, e grazas á cobertura ao respecto dos medios de comunicación occidentais, deixou Hamás “acurralado”, debullou Marwan Bishara, analista de Al Jazeera. En paralelo, asegurou que cuestiona o papel estadounidense como mediador por unha proposta que constitúe unha “traizón” a esa responsabilidade. “Non é que foran intermediarios honestos, mais tiñan que manter algún tipo de aparencia de obxectividade para que o proceso fora críbel e puideran saírse coa súa”.

Para presionar Hamás e que acepte a tregua nestes termos, Blinken estivo a terza feira en Exipto, onde se reuniu co presidente Abdel Fattah al Sisi, que rexeita a presenza israelí na zona fronteiriza.

Namentres, no réxime israelí, após facerse público que os militares recuperaron en Gaza os corpos de seis persoas detidas na Faixa desde a operación da resistencia palestina do 7 de outubro, familiares deles criticaron Netanyahu por bloquear o alto o fogo, e o ex líder do Exército e ex integrante do Gabinete de guerra, Gadi Eisenkot, remarcou que “se lles acaba o tempo”. 

O FBI acusa Irán de 'hackear' Trump

Se a acusación, que “carece de fundamento”, é “sincera”, os Estados Unidos deberían proporcionar as probas correspondentes, contestou Irán despois de que a Axencia Federal de Investigación (FBI) e outras axencias de Intelixencia do país americano o inculparan por un ataque informático á campaña presidencial de Donald Trump e unha tentativa de ataque contra á de Kamala Harris no medio dunha potencial escalada das tensións entre Irán e Israel.

Comentarios