O incendio na illa da Madeira, que afectou Patrimonio Mundial, foi responsabilidade de fogos artificiais

O PS non aprobará as contas sen negociar.
Pedro Nuno Santos. (Foto: Rita Franca / Europa Press / Contacto)
photo_camera Pedro Nuno Santos. (Foto: Rita Franca / Europa Press / Contacto)

O lume que se desatou o 14 de agosto na illa portuguesa da Madeira, queimando máis de 5.000 hectáreas e afectando a laurisilva, considerada Patrimonio Mundial pola Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco), foi causado polo lanzamento de fogos artificiais, revelou a quinta feira a Polícia Judiciária lusa.

O organismo detallou que identificou as persoas responsábeis e que unha delas xa foi imputada, mentres que a outra atópase fóra de Portugal e está a ser investigada. Ademais, sinalou que aínda non constatou se tiñan autorización da Polícia de Segurança Pública e da Câmara Municipal da Ribeira Brava para lanzar os fogos.

A revelación da forza de seguridade lusa contradí a tese defendida ao longo do lume, que ficou definitivamente extinguido a segunda feira, polo presidente rexional, o conservador Miguel Albuquerque (Partido Social Democrata, PSD), que insistira en que fora provocado de forma intencional.

Albuquerque foi duramente cuestionado tanto pola oposición como polos seus aliados do CDS-Partido Popular pola xestión do lume e a falta de recursos antiincendios, o que o obrigou a pedir axuda a Unión Europea (UE) para controlar as lapas. Tamén fixeron énfase na falta de coordinación do operativo.

Neste contexto, e despois de que o primeiro foco se producira nunha área de acceso doado, o incendio propagouse por varios municipios da illa en zonas de orografía abrupta.

O presidente madeirense rexeitara con anterioridade efectuar mudanzas no seu Goberno para responder as críticas, reiterando que as decisións tomadas para combater o lume foron “correctas”.

Contas estatais

A nivel nacional, após defender integrantes do Partido Socialista (PS) como o ex ministro de Cultura Pedro Adão e Silva unha abstención no lexislativo sen negociación co Goberno de Luís Montenegro (PSD) para permitir a aprobación do Orçamento do Estado de 2025, o secretario xeral, Pedro Nuno Santos, reaccionou considerándoa “inaceptábel”, rexeitando aprobar “só porque si” as contas, sinalou onte o xornal luso Público.

Ao respecto, o líder do PS considera que deben negociar co Executivo conservador en base ás súas propostas, e segundo sexan aceptadas ou non avalar ou tombar o Orçamento do vindeiro exercicio. Neste último caso Montenegro precisaría do apoio da ultradereita do Chega para aprobar as contas.

Comentarios