MÁIS

San Sadurniño, a terra que dá froitos

Este sábado xuntaranse no concello de San Sadurniño (Ferrolterra) produtoras e produtores locais para celebrar unha nova edición da súa feira rural. Este ano, como de costume, a froita e as pequenas explotacións volverán ser as protagonistas indiscutíbeis na Finca da Cortina.

77 postos participarán este sábado na XV Feira Rural de San Sadurniño. (Foto: Concello de San Sadurniño)
photo_camera 77 postos participarán este sábado na XV Feira Rural de San Sadurniño. (Foto: Concello de San Sadurniño)

Se ben moitas veces tende a consumirse na Galiza froita importada, non é precisamente por falta de produto. Quizais por descoñecemento, pois o noso país é punteiro en produción de froita, sobre todo en concellos como San Sadurniño (Ferrolterra). Así o constata en conversa con Nós Diario o concelleiro de Desenvolvemento Local e Xestión Interna, Manuel Varela, que enumera o elevado número de variedades presentes no seu concello, desde os perto de 70 tipos de mazá até os "arredor de 40 de pera". Todos estes produtos poranse en valor na Feira Rural que decorre este sábado, na que será a décimo quinta edición dun evento que dispón de obradoiros, un total de 77 postos e mesmo catas de froita e outros manxares da horta.

Mais esta non é a única feira que acolle San Sadurniño, pois o pasado 28 de abril organizouse a XXVII Feira da Plantación, que enxalzou os catro viveiros presentes neste municipio. Ambas as dúas están xa ben arraigadas e poderiamos dicir que se retroalimentan entre si, xa que, como indica Manuel Varela, "hai que esperar á Feira da Plantación para mercar alí as árbores froiteiras" que logo darán os froitos para a Feira Rural. 

A Asociación Cultural Bidueiro impulsou a finais do século pasado unha primeira feira na que se agasallaban plantas dos viveiros do lugar ás persoas asistentes. O obxectivo era  que a xente coñecese o produto local e as capacidades do seu solo, e conseguíao. Co seu traballo de obradoiros, mostras e actividades en favor do sector agrario foise facendo pouco a pouco senlleira na comarca, especialmente entre a súa propia veciñanza, "moi dispersa e rural" por esas datas. O problema xurdiu cando a organización acordou disolverse, en parte pola dificultade de ter que artellar un proxecto desa envergadura. Tomada a decisión, ofreceu ao Concello facerse cargo da mostra para que non se perdese, nun momento no que tiña xa abondosa sona. Así, un inconveniente tornou en oportunidade, xa que co cambio de titularidade, asevera Varela, o evento puido despegar de todo con "máis recursos á súa disposición" para mellorar e potenciarse cada vez máis, até chegar á grande afluencia coa que conta a día de hoxe.

Arrodearse de verde

Ante a pregunta de onde decorre a Feira Rural hai que salientar o particular da súa localización, pois a súa sede é o idílico espazo da Finca da Cortiña, un lugar de abondosa natureza con  sete bosques autóctonos e un claro no medio. 

Ese é o lugar destinado aos postos e que se coñece como 'O Campón', unha zona "completamente chá" que desde o Concello consideraron o emprazamento idóneo para esta celebración.

Baixo o pretexto de ser o escaparate do produto local e as pequenas produtoras, a cita conta con distintas tipoloxías de xénero e artigos. Ademais da froita e os alimentos procedentes da terra, hai outros postos nos que se ofrecen bens de segunda man e mesmo de artesanía, todos abertos desde ás 10 horas até o feche da feira, ás 20.15 horas.

Tampouco falta o compoñente gastronómico, destacando neste ámbito unha degustación de froita ás 11 horas, nin o didáctico, con visitas guiadas tanto á horta de froiteiras (11.30 horas) como ao apiario didáctico (18.30 h). Tamén haberá obradoiros infantís (12.45 e 19 horas) e diferentes concursos e sorteos ao longo do día, como a competición de froita autóctona que premiará os tres mellores lotes cun vale de 100 euros para trocar nun dos estabelecementos do municipio. E as máis deportistas poderán participar no descenso en caiac polo río Xubia que se organizará tanto en horario de mañá como de tarde (ás 11.30 e 16.30 horas, respectivamente).

Como consecuencia da gran calidade do xénero, beleza da contorna e abundancia de actividades, actualmente a feira resulta de grande atractivo para persoas de todo o país, algo que se viu reflectido na "apoteótica afluencia deste ano na Feira da Plantación", que bateu o seu récord de participación con 67 postos, 21 máis que en 2023. Isto, apunta Varela, "é o mellor indicador" de éxito, pois "unha feira triunfa cando os seus postos repiten" dun ano para outro e motivan que se produzan novas incorporacións.

Defender o produto local para impulsar a economía

O feito de defender o produto desde as mesas e as carpas da Finca de Cortiña é todo un exercicio de principios. Tal e como sinalou o alcalde de San Sadurniño, Secundino García, as feiras "deben ser consideradas máis seriamente desde as administracións públicas porque potencian o mercado de proximidade". Un mercado, ten subliñado o rexedor, "que se dicía que era anticuado." E non pode ter maior sentido "honrar o campo e o sector primario" que desde estes encontros itinerantes que reivindican non só as produtoras, senón os froitos e os lugares nos que estes agroman.

A evolución da sociedade actual xustifica esta volta ás orixes e o cuestionamento do uso sen control de praguicidas e outros produtos que prexudican a saúde co único fin de conseguir producións inxentes. Fronte a este modelo, en San Sadurniño avogan por aproveitar o que lles ofrecen o solo e a contorna, como no caso do apiario da Casa do Mel, cuxas abellas polinizan de forma natural as froiteiras nunha sinerxía o máis orgánica posíbel. 

No concello de San Sadurniño as feiras rurais non só celebran a riqueza frutícola local, senón que tamén representan un firme compromiso da veciñanza coa sostibilidade e o apoio ao sector primario da comarca. 

Nesta localidade de 98 quilómetros cadrados de extensión queda claro que apostar pola produción local non só significa facer do produto identidade do lugar, senón tamén impulsar un tecido produtivo duradeiro e respectuoso coa contorna a nivel ambiental reducindo as emisións de dióxido de carbono. Desde quen produce —que dá saída á súa produción e dota de actividade o terreo— até quen merca as froitas e verduras de tempada máis frescas e saborosas, todo son beneficios para o municipio e a veciñanza de San Sadurniño.

Comentarios