As feiras do libro deste ano melloraron os resultados de 2023

Os libros en galego supuxeron 35% das vendas.
As feiras do libro consolídanse na Galiza.
photo_camera As feiras do libro consolídanse na Galiza.

O pasado 5 de abril a directiva da Federación de Librarías da Galiza presentaba o programa de Feiras do Libro 2024, unha aposta decidida por dotar de maior contido e relevancia a un circuito que é xa un clásico da primaveira e o verán na Galiza, e que nesta nova tempada contou con 13 citas en 13 municipios diferentes.

Tras o remate o pasado sábado da última cita do circuíto tradicional, a Feira do Libro de Monforte, a organización vén de recoller os datos do proxecto, que deixan claro a boa saúde da que gozan as feiras do libro.

En total, entre os 10 días de feira da Coruña -a máis longa- e os 4 días de feiras como Ourense ou Porriño, a Galiza viviu 66 días de feira nesta tempada.

O público deixou claro o seu interese, xa que o cómputo global mostra un aumento do 12% entre os participantes nas propostas culturais do programa -é dicir, presentacións, charlas, sinaturas...

Resulta imposíbel medir a asistencia total, dado que as feiras se celebran en espazos abertos ao público que non contemplan o control de entrada, pero a percepción xeral da organización e dos libreiros participantes apunta a un aumento das visitas, na liña do aumento da participación nas convocatorias, algo que queda reflectido nas cifras de vendas: máis de 55.000 exemplares por valor de máis de 1 millón de euros entre as 13 citas, dos cales o 35% entra dentro dos libros publicados en galego.

Desde a organización apuntan a que parte da clave deste incremento pode atoparse no aumento das librarías participantes, 152 en total, un 11% máis que no 2023.

A Federación de Librarías da Galiza declara mostrarse satisfeita, "o 98% das librarías participantes volverían participar tras o seu paso polas feiras do 2024, o que nos demostra que este é o camiño a traballar".

Por esa razón, desde o organismo confirman que están xa a traballar, en colaboración coa Xunta da Galiza, na proposta cultural para as Feiras do Libro do ano 2025. 

Máis en CULTURA
Comentarios