Revenidas anuncia horarios, concertos a bordo e a gala de circo solidaria

O 'Chasula' acollerá, entre outras, a Mondra, Sés e Fillas de Cassandra.
Xurxo Souto a bordo do Chasula nun percorrido por Vilaxoán de Arousa incluído na programación do Revenidas 2020 [Laura Rabizal].
photo_camera Xurxo Souto a bordo do Chasula nun percorrido por Vilaxoán de Arousa incluído na programación do Revenidas 2020 [Laura Rabizal].

O festival Revenidas, que se celebrará en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) entre o 12 e o 15 de setembro, pecha o groso do seu programa co anuncio dos concertos a bordo, a gala de circo solidario e o horarios dos concertos, que se pode consultar nas redes sociais e na web do festival.

Unha das tradicionais actividades de promoción de destino turístico que acolle o Revenidas é a celebración de concertos a bordo. Pequenos recitais en formato acústico e para un aforo máximo de 12 persoas que se ofrecen a bordo do barco Chasula.

O sábado 14 haberá concertos de Mondra (con saída do porto de Vilaxoán ás 13 horas), Lontreira (15 horas) e Catuxa Salom (17 horas). Os concertos a bordo do domingo 15 correrán por conta de Monoulious Dop (13 horas), Sés (15 horas) e Fillas de Cassandra (17 horas).

Outra das actividades emblemáticas do festival Revenidas é a Gala Solidaria de Circo do domingo. Dará comezo ás 17.30 horas e estará dedicada ao pobo palestino, acollendo unha festiva sucesión de espectáculos de maxia, clown, música e circo con Peter Punk, Cris Collazo, N+1, o proxecto persoal do clown Alfredo Pérez Muíño, Sue Moreno, o Mago Noel, e o dúo Jack Jhonson e Jhon Jackson. 

O festival Revenidas naceu a partir da sardiñada popular que cada ano se celebraba en Vilaxoán. Non é por tanto de estrañar que esta actividade siga a ser considerada como o epicentro do festival.

A sardiñada terá lugar o domingo 15 no parque de dona Concha. A xornada do domingo complétase coas actuacións de Os Terribles de Arousa, Uxía Lambona e A Banda Molona, Mekanika Rolling Band e xa pola tarde Caamaño & Ameixeiras e De Ninghures.

Máis en CULTURA
Comentarios